O Centro Comercial Aberto de Foz organiza unha nova edición do Comercio na Rúa, que se celebrará os días 7 e 8 de agosto (venres e sábado).
Os comercios participantes ofrecerán interesantes descontos nos stands instalados no exterior dos establecementos. En caso de mal tempo realizarán as promocións no interior dos locais. As ofertas abarcarán todo tipo de produtos e servizos ofrecidos polos distintos comercios adheridos a esta iniciativa.
O presidente de CCA/ACIA Foz, José Carlos Paleo, sinala que “pouco a pouco temos que ir recuperando as actividades na nosa vila, con precaución e seguindo todos os protocolos de seguridade. De aí que volvamos organizar unha nova edición do noso Comercio na Rúa, unha cita clásica dos veráns en Foz, co fin de dinamizar o comercio local”.
Paleo di que “será un bo momento para facerse con prendas e produtos de tempada a prezos moi interesantes. Convidamos á xente a pasear polas nosas rúas, a mercar no comercio local e a gozar das terrazas da nosa hostalería, sempre respectando o distanciamento social e as medidas de hixiene indicadas polas autoridades sanitarias”.
O Concello de Foz e a Xunta de Galicia colaboran con esta campaña que organiza o Centro Comercial Aberto de Foz.