O artesán Telmo Cao ofrece un curso de iniciación á forxa tradicional no seu obradoiro de Sargadelos (Cervo) do 5 ao 9 de agosto

O artesán Telmo Cao abre as portas do seu obradoiro, instalado na antiga nave de fundición de Sargadelos, a aquelas persoas interesadas en recibir formación teórica e práctica en materia de forxa tradicional. Deste xeito promove un taller, en colaboración co Concello de Cervo, que se desenvolverá do 5 ao 9 de agosto, no seu obradoiro, situado no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos.

A inscrición, con prazas limitadas, xa  se pode formalizar a través do teléfono 638.71.72.72 ou do correo electrónico telmocao@yahoo.es.

Este obradoiro nace como un complemento á actividade principal que desempeña no seu taller, no que realiza pezas únicas previo encargo.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, quixo felicitar ao artesán “por esta iniciativa pioneira de compartir o seu talento e abrir as portas do seu taller a aquelas persoas interesadas na materia, que terán o privilexio de achegarse a este mundo da man dun dos poucos profesionais que quedan en activo neste oficio, que é parte importante do noso patrimonio”.

Cao ten o seu taller de forxa artística e escultura de metal na antiga nave de fundición de Sargadelos, que data do século XVII. Este espazo, restaurado no ano 2017, foille cedido polo Concello de Cervo no 2020.