O 24 de setembro terá lugar a XV Feira da Horta, que organizan o Concello e a asociación de produtores e produtoras A Sucadoira e coa que conclúen os mercados dos domingos que se viñeron celebrando durante a época estival. Haberá, ademais de venda de produtos da horta, obradoiros e música. A cita foi presentada esta mañá nas inmediacións da praza de abastos.
A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, contou que “este domingo, 24 de setembro, dende as nove da mañá ata as dúas da tarde, como cada ano e xa van 15 edicións, vamos celebrar a Feira da Horta de Ribadeo, que está organizada polo Concello e pola asociación de produtores e produtoras A Sucadoira”.
A edil ribadense explicou que “esta feira cada ano pon peche á tempada estival, ao mercado dos domingos que dende xuño ata setembro se dispón na parte exterior da praza de abastos e onde cada domingo podemos ir atopando os mellores produtos locais tanto da nosa horta como queixos, pan, zumes, embutidos, ostras da Ría, artesanía do ferro, madeira,… Todos estes produtores, que durante os domingos do verán podemos velos e mercar os seus artigos na parte exterior da praza de abastos, nesta xornada estarán ademais acompañados doutros produtores da contorna, que traerán viño, cervexa, mel, castañas, chocolate, fariñas e cosmética natural”.
Martínez subliñou: “nos cremos que temos un rural polo que hai que apostar. Entendemos que Ribadeo ten un potencial importante, ademais de no turismo, tamén no medio rural, coa horta. Desde hai moitos anos temos unha identidade importante coa horta nesta zona, falamos por exemplo do pemento de Piñeira, que é unha variedade única nesta zona por textura, por olor e por sabor. Danse unhas condicións especiais e eu creo que debemos seguir traballando e apostando por manter o rural e que ademais outra xente se poida ir incorporando e que teña vida, que non quede despoboado e abandonado”.
A concelleira de Desenvolvemento Local manifestou que “nós queremos apostar polo noso rural e polo tanto apostamos por esta feira, da que xa van 15 anos, e queremos convidarvos a todas e a todos a vir gozar durante esta xornada do domingo aquí, a Ribadeo, e ter a posibilidade de mercar eses produtos sen intermediarios, elaborados directamente de xeito artesanal, que eu creo que hoxe en día é un luxo poder mercar e gozar desta calidade. Durante o domingo vamos ter tamén unha xornada festiva, con música, con actividades para nenos, a partires das 11 horas haberá un obradoiro de elaboración de mosto, ás 11 e media poderemos participar nun obradoiro de compostaxe tamén para nenos e nenas. En canto á música estará a cargo do grupo Por mi swing e queremos animar a todo o mundo a que se achegue a disfrutar e a bailar con esta música. En definitiva queremos convidar a todas e a todos a vir a Ribadeo o domingo a gozar e a mercar nesta Feira da Horta”.