O 20 de decembro preséntase no Castelo do Castro de Ouro o libro "Inventario do Patrimonio Cultural e Histórico-Artístico do Valadouro".

O libro “Inventario do Patrimonio Cultural e Histórico-Artístico do Valadouro” de Isaac Ferreira, Manuel Lourenzo e Xesús Pisón, foi editado coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Alfoz. Trátase dun amplo compendio do patrimonio de todo o Val do Ouro organizado por parroquias tanto do Concello de Alfoz coma do Concello do Valadouro.

A presentación terá lugar o venres, 20 de decembro, ás 18.00 horas, no Castelo do Castro de Ouro de Alfoz, coa presenza de Pilar García Porto, representante da Deputación Provincial de Lugo; Jorge Val Díaz, alcalde de Alfoz; os autores do libro, así como os numerosos colaboradores e colaboradoras neste gran traballo, editado en 2 tomos, de investigación e recuperación cultural, histórica e artística. 
 
Sobre os autores:
Isaac Ferreira (O Valadouro, 1946). Autor teatral, narrador e poeta. Director de Casahamlet, Revista de Teatro, desde 2008 até 2012. Realiza traballos de documentación para libros e revistas de teatro. Con Manuel Lourenzo e Xesús Pisón publica Contos do Valadouro (1998 e 2005) e, cos mesmos autores, Arqueoloxía do Valadouro. Prehistoria (2010) (investigación e publicación que tamén coordina). Escribiu, correxiu e coordinou o Inventario do Valadouro (2019)

Manuel Lourenzo (O Valadouro, 1943). Dramaturgo, director teatral, narrador, poeta e actor de teatro, cinema e televisión; é autor de máis de cento cincuenta pezas dramáticas. Tamén é autor de libreto da ópera galega O ARAME, con música de Juan Durán, representada na Coruña en 2008. Fundador e promotor dos grupos teatrais O Facho, Teatro Circo, Escola Dramática Galega, Compañía Luís Seoane, Clube Teatral Elsinor e Casahamlet Compañía de Teatro. Posúe numerosos premios, entre os que podemos destacar: o Premio de Teatro Rafael Dieste en 1996 e 1999, o Premio Nacional de Literatura Dramática en 1997, o Premio Nacional da Cultura Galega, Artes Escénicas en 2008 e o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais en 2016. Foi fundador, codirector e profesor de Casahamlet, Estudio de Teatro. Con Xesús Pisón e Isaac Ferreira publica Contos do Valadouro (1998 e 2005) e, cos mesmos autores, Arqueoloxía do Valadouro. Prehistoria (2010). Colaborou na construcción do Inventario do Valadouro (2019).

Xesús Pisón (O Valadouro, 1954). Pintor, poeta, narrador e dramaturgo, é autor de máis de oitenta obras. Obtivo o Premio de Poesía Nova O Facho en 1979, o Premio de Contos Infantís O Facho em 1980 e 1984, o Premio de Teatro Breve da Escola Dramática Galega en 1983 e o Premio de Teatro Rafael Dieste nos anos 1991 e 1994. Foi finalista do Premio Nacional de Literatura Dramática en 2005.  Con Manuel Lourenzo e Isaac Ferreira publica Contos do Valadouro (1998 e 2005) e, cos mesmos autores, Arqueoloxía do Valadouro. Prehistoria (2010) (investigación e publicación que tamén coordina). Participou activamente na construcción do Inventario do Valadouro (2019)