O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Cultura e Educación, presentaron o Programa de Conciliación deseñado para os meses de verán.
Aos xa consolidados Enredos de Verán –que na pasada edición contaron con máis de 100 nenos inscritos-, e á iniciativa Repasando en Verán, este ano súmase ás actividades estivais o programa específico Cervo Concilia, que, tal e como explicou o rexedor “componse dunha completa axenda de actividades de verán adicadas a nenos e nenas de 3 a 12 anos, co que pretendemos brindarlles ás familias unha ferramenta que lles axude a conciliar a vida laboral co coidado dos seus pequenos e das súas pequenas”.
O cursos levarase a cabo os meses de xullo e agosto, de luns a venres, e en horario de 9:00 a 14:30 horas. O programa, de balde, está dirixido ás familias empadroadas no Concello de Cervo.
As inscricións poden formalizarse na Casa da Cultura ou no Concello desde xa mesmo.
Caramés recordou tamén que os Enredos de Verán están dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. O punto de encontro para as actividades será na Casa do Mar de San Ciprián e o Ecomuseo de Cervo. Terán lugar os luns e mércores en horario de 11:00 a 12:30 horas, para os pequenos e pequenas de 3 a 5 anos; os mesmos días en horario de 12:30 a 14:00 horas, para os nenos e nenas de 6 a 9 anos; e os martes e xoves, de 12:30 a 14:00 horas, será a quenda dos rapaces e rapaces de entre 10 e 12 anos.
Haberá todo tipo de xogos acuáticos e actividades ao aire libre durante estes dous meses, como surf, skate, bádminton, disc golf ou xornadas centradas no medio ambiente, entre outras.
Ademais, Caramés tamén sinalou que se deseñou un novo calendario de Repasando no Verán para rapaces de todas as idades que se impartirá nos diferentes locais sociais das parroquias e no que se desenvolverán “todo tipo de actividades de reforzo, cálculo, clases de inglés, e ensinaranse e poñeranse en práctica técnicas efectivas de estudo como a realización de resúmenes e esquemas”. Os horarios fixaranse en función das persoas anotadas.
As actividades comezarán o 2 de xullo. Haberá unha reunión informativa o 20 de xuño, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura.