Teatro do Atlántico representa este sábado, 30 de abril, no Teatro Pastor Díaz, de Viveiro, a obra Libre coma os paxaros. A función dará comezo ás 20:30 horas.
Trátase dunha adaptación de Xulio Lago, quen dirixe a obra, de textos de Rosalía de Castro engarzados con outros materiais que contextualizan unha vía pola que transita o pensamento da nosa autora, ademais do seu compromiso diante dos acontecementos e conflitos protagonistas na sociedade do seu tempo e que son sorprendente reflexo dos que hoxe nos acucian. Unha muller, interpretada por María Barcala, toma a palabra e proclámase posuidora da súa liberdade, declara o seu amor pola literatura e lingua do seu país e a súa admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo, e denuncia o espolio do patrimonio forestal e a traxedia da emigración.