A inicitiva terá lugar entre os días 14 e 19 de febreiro en bares, restaurantes e aloxamentos da asociación de Hostelería de Barreiros.
Febreiro é o mes do amor, ou polo menos así o marca o calendario anual. O mes comeza co casamento dos paxariños pola Candeloria e segue co tan tradicional San Valentín cada 14 deste mes, unha data sinalada no almanaque social e ocasión na que moitas persoas demostran o amor a quen os acompaña.
E é aproveitando esta celebración do amor na que parte da hostelería barreirense ven de idear unha iniciativa na que o agasallo o poñen os mesmos locais. Un detalle que non é elixido de maneira casual senón que representa moi ben o bo augurio entre outros, no amor. O famoso “bítere”, tan propio de praias barreirenses, engarzado de maneira artesanal e formando así un colgante será a “xoia natural” que agasallarán as empresas participantes.
Os adheridos son un total de 6 establecementos: Cabanas da Barcela, Casa Brais, Hotel-Restaurante Rías Altas, Restaurante Pensión La Yenka, Fonda-Café Bar Moderno e Casa Nicanor. Cada un deles disporá dun total de 14 agasallos para as primeiras 14 persoas que fagan un consumo mínimo de 50€ (no caso de consumos en bares pode ser acumulado nos días que dura a iniciativa).
Como di a lenda, para que este opérculo teña efecto ha de ser atopado de maneira casual ou ben recibido como regalo, así que dende a asociación de Hostelería de Barreiros animan a que a cadea dos bos fortunios se estenda e regalemos ollomaos a todas aquelas persoas que teñamos en estima. Parellas ou non, sexa San Valentín ou non, calquera persoa e en calquera data, é ocasión para demostrarmos amor.