Foz acollerá ata finais deste mes de setembro actividades como un concerto cun piano flotando na auga do peirao, teatro e cine. Anunciouno hoxe, martes, o concelleiro de Cultura focense, Ánxel Paleo Soto.
O edil explicou que “a programación para esta segunda quincena de setembro empeza este xoves, día 21, con teatro na Casa da Cultura ás oito e media da tarde. O grupo Malasombra representará a obra titulada D.E.P., unha comedia na que mostran o egoísmo e a mentira entre irmáns por unha herdanza. Esta obra está destinada a todos os públicos”.
Ánxel Paleo engadiu que “este sábado celebrarase o Día da Bicicleta, que terá a súa saída ás catro da tarde dende o Parque Infantil de Tráfico; irá ata a praia da Pampillosa, onde haberá un avituallamiento, para despois volver ao punto de saída e alí farase a entrega de premios. Pedimos a colaboración da xente que se inscriba para axudar ao Banco de Alimentos cun quilo de produtos, e os que máis se necesitan son leite, pastas e conservas”.
O concelleiro de Cultura destacou que “o xoves 28 haberá unha das citas máis importantes e novedosas pola súa posta en escena. Trátase dun concerto de piano que terá lugar no porto de Foz. A partir das sete da tarde dará comezo este concerto cun piano que estará flotando na dársena do porto. É unha posta en escena que non nos debemos perder pola súa complexidade e por ser única. Para rematar ese día ás oito e media da tarde na Casa da Cultura teremos cine, coa proxección da película Psiconautas, los niños olvidados, que trata de dous amigos que teñan a esperanza de encontrar un lugar mellor no que vivir, xa que a illa onde viven sufriu un accidente industrial”.
Paleo rematou comentando que “nesta segunda quincena temos unha programación bastante completa para rematar setembro con teatro, deporte, música e cine. Espero que sexa do agrado de todos”.