As Feiras das Lucas de Mondoñedo celebran a súa 862 edición do 17 ao 21 de outubro. O evento foi presentado na Deputación de Lugo.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Presidente da Comisión das Feiras e Festas das San Lucas, Miguel Souto Cabana deron conta, este luns, no Pazo de San Marcos, do convenio de colaboración entre as dúas entidades para promocionar as Feiras das San Lucas de Mondoñedo. Celébranse dende o ano 1.156 e están consideradas as máis antigas de Galicia e unha das mais antigas de Europa. Comezan o día 17 e rematan o 21 de outubro. Esta colaboración supón un investimento de 20.000 euros por parte do organismo provincial, convertendo así á Deputación no principal patrocinador desta cita.

Campos Conde remarcou que “dende o Executivo Provincial é un autentico privilexio promocionar unha feira con tanta tradición, xa que conta con 862 anos de historia, e esta considerada unha das mais antigas de Europa. E facémolo co obxectivo depromover, recuperar e revalorizar as tradicións locais como sinais de identidade e atractivo da provincia, e As San Lucas de Mondoñedo son un autentico símbolo de referencia desta cidade mariñá”. 

O Presidente subliñou que esta cita “segue perdurando no tempo gracias ao traballo incansable dos veciños e da Asociación As San Lucas que segue loitando ano tras ano, para que Mondoñedo siga presente na programación das feiras de Galicia. Si as San Lucas seguen celebrándose, ano tras ano, é grazas ao empeño xeneroso de xente anónima e desinteresada que non quere perder as súas tradicións”. Campos Conde explicou que durante estas xornadas os participantes poderán gozar dunha programación única, que une sobre todo tradición, cultura, música, e por suposto diversión. 

862 edición
As Feiras e Festas das San Lucas celébranse en Mondoñedo dende o ano 1.156, e están consideradas as máis antigas de Galicia e unha das máis antigas de Europa. Foi naquela época, concretamente o 9 de novembro de 1156, cando o rei Alfonso VII concede a Vilamaior (Mondoñedo), o titulo de cidade, o que conleva feira mensual nas calendas así como unha feira anual de 8 dias por Santa María de agosto (orixe das feiras). O cabalo é o protagonista indiscutible desta cita, que comeza o 17 de outubro a partir das 18:45 horas, coa baixada dos cabalos dos montes de Mondoñedo, que percorren as rúas céntricas da cidade, ata chegar á Praza da Catedral, para despois rematar no Campo dos Paxariños, onde se celebra a feira. Este ano a organización ten previsto repartir preto de 8.000 euros nas máis de 50 categorías de premios que se reparten entre a gran Feira tradicional de gando que se celebra o 18 outubro no Campo dos Paxariños; e no Recinto da Granxa, que acolle o concurso de andadura galega. 

Concerto de Carlos Núñez na Catedral de Mondoñedo
As festas comezarán o 17 de outubro ás 20:45 horas no Auditorio Pascual Veiga do Concello, onde terá lugar o pregón a cargo do reitor da USC, Antonio López. Un home moi vencellado a Mondoñedo onde estudou tanto no Seminario, como no Instituto San Rosendo. Previamente, xunto a todas as autoridades, realizarase unha homenaxe ao Mariscal Pardo de Cela no interior da Catedral. O cartel das feiras das San Lucas é obra do autor mindoniense Xosé Vizoso, no que o artista homenaxea ao expresionismo alemán. O extenso programa inclúe o concerto do grupo EXTRA o sábado na Praza da Catedral, e o domingo na Catedral de Mondoñedo concerto de Carlos Núñez, as entradas saen é venda este venres en ataquilla.com. A axenda conta ademais cunha homenaxe,o día 21, a Pascual Veiga por parte da Fundación Pondal. Haberá maxia, charangas así como encontros folclóricos, monólogos con Quico Cadaval ou  teatro, entre outras moitas. Por último, a Asociación das San Lucas e o Colectivo Mondoñedo É... fará entrega da terceira edición do Premio Mondoñedo, na modalidade de teatro .

Doma nocturna
Unha das novidades desta edición é un espectáculo único de doma nocturna que se presenta por primeira vez en Galicia, a cargo de Javier Simón e ToñoSerrano. A actuación contará con leds, equifire e alta escola de fantasía -reverencias, sentada, deitado-, e participarán oito cabalos. Ademais, haberá exhibición de doma en liberdade con Paco Martos. A danza e a coreografía correrán a cargo de Marta LarribaAdell e osmalabares e o fire effect virán da man de Jaime de Morla.A actuación será no día grande das feiras, o 18 de outubro ás 20:30 horas. Tamén se poderá ver un segundo pase o día 19, desta volta ás 21:30 horas.

Unha feira que garda a esencia de antano
Miguel Souto agradeceu a implicación da Deputación nesta Feira e convidou a todos os visitantes a achegarse á cidade para descubrir unha feira, que 862 anos despois, segue gardando a esencia de antano, e celebrase ademais, nun entorno único como son as rúas de Mondoñedo. “O que queira ver como se axusta a venta dun animal, ou contemplar unha escena única como a baixada dos cabalos polas rúas empedradas dende o Val ata o centro da cidade, ten que achegarse a Mondoñedo e deixarse levar por todos e cada un dos seus arrecendos e desfrutar dun momento único, as Feiras das San Lucas. O escritor, Miguel Anxo Murado definiu As San Lucas como a apoteose lírica do cabalo galego. Por todo isto, quedades todos convidados dende o 17 ao 21 na cidade de Cunqueiro”, resumiu.