A XXIX edición da Festa do Ourizo terá lugar o sábado 14 de marzo, en San Ciprián. A cita foi presentada polo edil de Turismo, David Rodríguez, polas concelleiras de Cultura e Medio Ambiente, e por representantes da hostalería local.
A Festa volve contar cun programa cheo de actos e actividades que terán como gran protagonista ao ourizo.
Deste xeito, avanzaron que “un ano máis organizamos un show cooking, que terá lugar na carpa instalada na Praza dos Campos, a partir das 11:45 horas, no que gozaremos vendo as habilidades culinarias en vivo de catro prestixiosos chefs e unha pasteleira todos eles integrantes da Asociación de Cociñeiros da Mariña Lucense que cociñarán ante as persoas asistentes sorprendentes e innovadoras receitas elaboradas coa base do ourizo: Bruno Pena do Oca Playa de Foz Hotel & Spa, Michel Cociña do Restaurante Casa Miranda (Burela), Jesús Gavín do Restaurante O Asador (Barreiros), David Moledo do Restaurante A Mirandilla (Rinlo) e Silvia Cabaleiros da pastelería Cabaleiros (Lourenzá); que estarán acompañados polo nutricionista Noel Pinín, que dará cumprida información sobre as propiedades do equinodermo que é unha importante fonte de proteínas.
Ao remate do show cooking as persoas asistentes terán a oportunidade de probar o resultado desta cociña de vangarda centrada no produto estrela da Festa.
Como en anteriores edicións, tamén se celebrará un concurso gastronómico que está aberto aos locais da hostalería de San Ciprián que participan na festa: O Noso Lar, As Titas, O Faro, A Bodega, Maruxaina e Nordesía; coa colaboración tamén do Buenavista, que ofrecé menú degustación de ourizo no seu comedor. Nesta ocasión, o concurso celebrarase mañá mércores, 4 de marzo, na Casa da Cultura. Os participantes deberán entregar as súas propostas –dúas como máximo- ás 18:00 horas. O xurado composto polos cociñeiros que participarán na Festa decidirá cales son as tres tapas gañadoras. A entrega de premios será ás 19:00 horas na mesma Casa da Cultura.
O día da festa os locais participantes ofrecerán a tapa do concurso e outras moitas variedades aos visitantes durante toda a xornada. De feito estase a elaborar un folleto informativo no que se especifican algunhas das tapas que se poderán probar e que terán como denominador común o ourizo.
Na carpa, como vén sendo habitual, poñerase á venda ourizo cocido da man, nesta ocasión, da asociación Mistura; e ademais, non faltará animación na rúa a cargo do grupo Louband.
Ademais haberá sesión vermú desde as 14:00 horas a cargo da orquestra Costa Dorada; que repetirá pola noite, desde as 22:00 horas na carpa.
Tamén estará presente nesta nova edición Conservas Artesanais Ares, que ofrecerá oas visitantes unha degustación do seu paté de ourizo.
Ademais, ás 18:00 horas está previsto un masterchef infantil que estará coordinado polos/as chefs parcipantes na Festa “co obxectivo de que os máis pequenos da casa tamén tomen contacto con este produto tan noso, ao tempo que pasarán unha tarde do máis divertida”.
Desde o Concello de Cervo convidan a todo o mundo a asistir nesa xornada a San Ciprián, para participar nos diferentes actos programados con motivo desta festa declarada de Interese Turístico Galego desde o 2008.