O Goberno local do Concello de Mondoñedo vén de convocar o III Concurso de ornamentación de balcóns e fachadas da cidade, baixo o nome ‘Florea o teu balcón’.
O Goberno local vén de facer públicas as bases nas que indica que con esta iniciativa pretende poñer en valor os balcóns como elementos vivos e decorativos da cidade. O concelleiro de Educación, Xuventude e Novas Tecnoloxías,Alberto García, explica que este ano“gustaríanos repetir a alta participación das dúas primeiras edicións e, a ser posible, superala pero sabemos que non será doado xa que este concurso tivo moi boa acollida desde o principio, ademais porque Mondoñedo prestase a este tipo de propostas pola beleza do seu casco histórico”. “Un concurso no que pode participar todo aquel que queira valorizar todo tipo de espazos, non só os nosos fermosos balcóns e ventás, senón tamén un pequeno muro que poida incorporar macetas ou xardíns verticais, por exemplo”, precisa.
A quen está dirixido
Poden participar todos os particulares que dispoñan de balcóns ou ventás que reúnan as condicións mínimas necesarias para ser decorados ornamentalmente con flores e plantas. O concurso abarca todo o casco urbano da cidade, incluído o centro histórico e os barrios tradicionais de Os Muíños, Os Remedios e San Lázaro.
As inscricións poden facerse a través do correo concursodebalcones@gmail.com ou no portelo de atención ao público da Casa do Concello de Mondoñedo. O prazo para anotarse será desde o luns 14 de maio ata o xoves 31 de maio. Haberá que indicar o nome, apelidos e DNI do participante, xunto ao enderezo do balcón e un teléfono de contacto.
Elementos a valorar
O concurso prolongarase toda a primavera e o verán, ata finais de agosto, período durante o cal o xurado realizará visitas periódicas nas que vai valorar: o estado de conservación e mantemento dos balcóns inscritos no concurso; a orixinalidade na ornamentación; a variedade, calidade e cantidade florística; o adecentamento da fachada e o resultado global; a colocación de elementos accesorios, tales como xardineiras, colgantes...; o enxeño ou capacidade para acadar unha decoración óptima en vivendas que carezan de balcóns ou que, a priori, non reúnan as mellores condicións para participar no certame.
Premios
O Concello de Mondoñedo establece seis premios para os gañadores ou gañadoras. Un primeiro premio de 250 euros e diploma acreditativo para colocar xunto ao balcón galardoado. Un segundo premio de 200 euros; un terceiro de 150 euros; un cuarto de 100 euros; un quinto de 75 euros e un sexto de 50 euros. Todos eles recibirán diploma acreditativo.
Composición do xurado
O xurado estará integrado por un representante da rede de Pueblos bonitos de España, profesores e alumnos do módulo de xardinería do IES San Rosendo, un representante da área de Turismo da Mancomunidade da Mariña, un representante da área provincial da Axencia de Turismo de Galicia, un representante da Oficina de Rehabilitación do Concello de Mondoñedo e Claudia del Pino, representante da Oficina de Turismo municipal, que tamén será a presidenta do xurado.
O resultado do concurso darase a coñecer durante a primeira semana do mes de setembro. A entrega de premio será no salón de plenos da Casa do Concello nunha data a concretar. A autora do cartel anunciador deste ano é Julieta Vargas.