A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo recupera as actividades con público a través das clásicas audicións de primavera que impulsa o centro. A primeira será mañá, 29 de abril.
A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo impulsa cada curso escolar unha serie de audicións das diferentes disciplinas que ofrece o centro nas que participa boa parte do alumnado da Escola. As deste curso 2020-2021 son, se cabe, máis especiais que as doutros anos xa que serán as primeiras actividades con público que leve a cabo a EMMeD dende o inicio da pandemia da covid-19.
O responsable da Escola, Hugo García, sinalou: “consideramos que estamos en condicións de recuperar unha certa presencialidade no noso día a día como xa fixemos coas clases, garantindo todas as medidas de seguridade e hixiene e coa máxima precaución, pero entendemos que é o momento de volver a contar con público nas audicións. Tanto para o alumnado como para as familias cremos que é un momento especial, de poñer en valor o traballo feito dentro da aula e, ao tempo, unha ocasión para achegar máis aló das catro parades da Escola, toda canta actividade leva a cabo o centro”.
Dende esta semana e ata o mes de xuño, a EMMeD de Ribadeo ten programadas un total de oito audicións das que sete serán en formato presencial, dirixidas a toda a cidadanía. Tan só a audición de percusión, prevista para este venres, 30 de abril, será totalmente virtual por unha cuestión de loxística.
A audición de Danza este xoves, 29 de abril, no Auditorio Municipal Hernán Naval, será a primeira actividade presencial á que seguirán unha audición de música tradicional (o 11 de maio no Teatro), unha de guitarra (12 de maio no Teatro), unha de clarinete e frauta (26 de maio no Teatro) e unha de vento-metal (27 de maio no Teatro). O mes de maio rematará cunha audición de saxofón no salón de actos da Escola e xuño comezará cunha de piano no Auditorio Municipal Hernán Naval. Todas as actividades serán ás 20:00 horas e abertas ao público ata completar aforo.
A concelleira de Ensino, Mari Luz Álvarez Lastra, quixo poñer en valor o feito de que pouco a pouco “a Escola vaia recuperando unha das súas características fundacionais, que é o feito de achegar a música ao conxunto de veciños e veciñas da vila. De momento comezamos pouco a pouco, pero agardamos que cando a situación sanitaria mellore, poidamos recuperar tamén os festivais e as actuacións cotiás ás que a Escola nos ten acostumados e que, como tantas outras cousas no noso día a día, a pandemia nos deixou sen poder gozalas”.
Álvarez Lastra tamén aproveitou para destacar que “tanto os centros educativos, a Escola é un deles, como as actividades culturais son entornos seguros e polo ben do sector e tamén polo ben da nosa saúde emocional cómpre coidalos, poñelos en valor e avanzar en que, paseniño, vaiamos recuperando a actividade coa que Ribadeo sempre vibrou”.