Elena Fiallega Fernández foi a gañadora da viaxe a Cuba sorteada no Ribadeo Indiano 2024

Concello e Acisa fan un balance moi positivo do noveno Ribadeo Indiano, que remataba onte. O alcalde, Dani Vega, subliñou que o impacto económico achegouse aos catro millóns de euros. 

O rexedor declarou: “temos que facer unha valoración moi positiva deste Ribadeo Indiano, que estivo organizado desde o Concello con Acisa. E tamén temos que dar as grazas á Xunta de Galicia e á Deputación de Lugo  por toda a colaboración e tamén a todas esas persoas que quixeron colaborar para que isto saíse adiante”. 

Vega dixo: “hai que dar as grazas a todos os veciños, porque durante estes días tamén causamos algún tipo de molestia nos aparcadoiros ou coas rúas cortadas, pero hai que entender que se trata dun evento importante para Ribadeo desde un punto de vista cultural, pero tamén desde un punto de vista económico. Podemos estar a falar, con total tranquilidade, de preto de 4 millóns de euros de impacto económico e isto vai medrando ano tras ano, polo tanto tamén hai que dar as grazas ás persoas que iniciaron este proxecto, porque acertaron e Ribadeo goza e ten a sorte de ter un evento tan importante como é o Ribadeo Indiano”.

O alcalde sinalou que “toda a fin de semana houbo actividades, toda a fin de semana as rúas estiveron abarrotadas de xente. Falar de éxito é falar dun evento ao que hai que darlle continuidade, haberá que mellorar cousas… porque niso consiste tamén en que nos vindeiros anos vaiamos acertando. Estamos moi satisfeitos e contentos deste gran acto que fixemos durante toda á fin de semana e ao que acudiron moitas persoas a visitarnos. A promoción turística é moi importante e de nivel. Satisfeitos e co deber cumprido, pero xa traballando e iniciando o seguinte Ribadeo Indiano”. 

A concelleira de Turismo, Marta Saiz, subliñou que “milleiros de persoas se achegaron a Ribadeo a gozar deste evento histórico cultural co que rendemos homenaxe á emigración. As rúas estiveron repletas de xente, que disfrutou de conferencias, de actuacións musicais, da xinkana, do mercado de ultramar, dos espectaculares haigas, do festival de habaneras, do xantar campestre na Devesa… unha programación deseñada para todos os públicos, onde non faltaron os torneos de petanca e de billarda, os obradoiros de baile… quen veu ao Ribadeo Indiano puido atopar propostas dabondo para divertirse”.

A edil ribadense contou que “a ocupación hoteleira foi moi alta, bares e restaurantes traballaron moi ben. Foi unha fin de semana moi importante desde o punto de vista económico para Ribadeo porque todo o sector servizos se beneficiou positivamente desta importante cita”. 

Marta Saiz tivo palabras de agradecemento: “queremos dar as grazas a todo o persoal municipal implicado na organización do evento, que traballou día e noite para que todo estivese a punto para o Ribadeo Indiano e grazas a todo o sector empresarial e a todas as veciñas e veciños, que se involucran ao cen por cen para que esta celebración vaia a máis e sexa un éxito. Grazas a todas e todos”.

Recollida de palmeiras 
A concelleira de Turismo e Comercio explicou que “hoxe segue o traballo para a volta á normalidade. Imos recoller as palmeiras que adornaron moitos recunchos e negocios de Ribadeo. Establecemos tres puntos de recollida: nas inmediacións da praza de abastos, onde se celebra o Mercado dos Domingos; no parque de San Francisco, a carón da pantalla informativa; e na rúa San Roque, a carón dos Cocos. Hai que deixalas alí para que o logo un camión do Concello as poida retirar. Pedimos e agradecemos a colaboración”. 

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “acupación hoteleira foi moi alta. Nalgúns casos chegou ao 100% nas noites do venres e do sábado. A hostalería traballou ata a extenuación, establecendo varias quendas para as comidas e para as ceas, ata domingo a mediodía. E o comercio, que sempre se beneficia das semanas anteriores para todos os preparativos de traxes, complementos, etc… tamén vendeu moito esta fin de semana, tal e como nos comentan varios representantes do sector”. 

Cruzado Iglesias destacou que “todo Ribadeo se involucra para que este evento histórico cultural sexa ano tras ano un éxito. Percorrer as rúas peatonais e comerciais e ver todos os photocall que fixeron as tendas e nas que milleiros de persoas se fotografaron estes días… é precioso, porque se converteron nun auténtico reclamo. Cada vez máis a veciñanza adorna os seus portais, ventás e balcóns con hortensias enchendo de color esta vila”. 

E engadiu que “este municipio retorna ao pasado durante tres días grazas ao traballo e á implicación de todo Ribadeo: desde a organización, pasando polos empregados municipais e o persoal de Acisa, ata o sector servizos e as veciñas e os veciños. E iso é o que fai grande esta cita”. 

Sorteo da viaxe a Cuba
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, relatou que “o colofón na xornada de onte puxérono o concerto do dominicano Vicente García e o sorteo da viaxe a Cuba para dúas persoas, que mudaron de hora por mor do partido que xogaba a selección española de fútbol. E a pesares desa coincidencia horaria durante un cuarto de hora mais ou menos a xente respaldou ambos eventos (concerto e sorteo) e iso é moi de destacar e de agradecer. A afortunada coa viaxe a Cuba é Elena Fiallega Fernández. A papeleta premiada foille entregada na Cervecería San Roque”.