O Concello de Xove, a través da Concellería de Cultura, ven de convocar o IX Concurso de Fotografía Medioambiental “Xove, a súa costa e o seu mar”. A idea básica deste Concurso é a de potenciar a participación cidadá na protección do medio ambiente.
Dentro do concurso imos ter unha única categoría. En canto aos premios, imos ter cinco premios en metálico:
Primeiro premio: 120 euros
Segundo premio: 100 euros
Terceiro premio: 90 euros
Cuarto premio: 75 euros
Quinto premio: 65 euros
Normas do concurso:
A temática, tal como recolle o título, vai ser a costa e o mar de Xove. As imaxes deberán ser realizadas polos propios participantes, xa que en ningún caso se aceptarán imaxes copiadas ou realizadas por persoas distintas. Poderanse presentar un máximo de 3 fotografías, as cales deberán ser sacadas dentro do termino municipal de Xove. As fotografías deberán presentarse en formato dixital (JPEG) en alta calidade, sen comprensión, a unha resolución mínima de 2048 píxeles.
A documentación a presentar para participar no concurso será a seguinte:
-Ficha de inscrición-autoría establecida ao efecto.
-Copia do NIF do concursante.
-Un CD que conteña as imaxes dixitais.
O sobre que conteña esta documentación deberá presentarse ata o día 8 de setembro de 2023, e poderá presentarse tanto no Rexistro de Entrada do Documentos do Concello coma mediante envío por correo postal ordinario; neste último caso, deberá facer constar no sobre pola Oficina de Correos a data de presentación, tendo en conta o límite do día 8.
Para unha maior información sobre este concurso, poden chamar ao Concello e preguntar polo Técnico Municipal de Cultura. As Bases Reguladoras da Convocatoria e a Ficha de Inscrición-Autoría a poden atopar na sede electrónica do concello, ubicada na páxina web www.xove.es.