
Burela albergará no pavillón do CEIP Virxe do Carme o Reto Panush 2024, que consistirá na montaxe dun puzzle xigante de 30.200 pezas, e nun concurso de puzzles por equipos. A montaxe do crebacabezas XXXL Jan Van Haasteren comezará ás 10:00 da mañá do sábado 19 de outubro. O concurso, por outra banda, terá lugar a partir das 11:00 horas do domingo 20.
As prazas son limitadas, polo que será necesario inscribirse nas actividades nas webs doctorpanush.com para o reto e aepuzz.es para o concurso. Para máis información poderase contactar co enderezo de correo electrónico hola@doctorpanush.com.
"Para nós é un pracer acoller unha actividade diferente pero que nos consta que conta con moitos seguidores na nosa vila e en toda a comarca", sinala o tenente de alcaldesa e concelleiro de Educación e Mocidade, Mario Pillado, que engade: "trátase dunha actividade familiar e interxeracional que xunta cooperación e competición e que pode facer que afeccionados e afeccionadas ós puzzles de outros lugares se acheguen á nosa vila".
Pola súa banda a concelleira e Cultura, Lina Gómez, sinala que o reto é "unha oportunidade para xuntar á veciñanza que desfruta con esta actividade no seu fogar, pero nun formato máis grande. Deste xeito promoveremos a creatividade, a concentración e o desfrute co traballo en equipo e a cooperación interxeracional".