Comeza o Circuíto +Kms Barreiros 2024 coa xa tradicional Carreira Solidaria de Reis, que se celebrará o día 7 de xaneiro, domingo, e este ano chega con novidades.
Aínda que a maior parte do percorrido se mantén, nesta edición farase no sentido contrario ás anteriores e a zona de saída e meta será nas inmediacións do Centro Sociocultural de San Cosme. Sen dúbida un novo reto para todas e todos, cunha carreira absoluta de 8 quilómetros que combina unha parte rápida de asfalto e un tramo do Camiño do Cantábrico cunhas vistas espectaculares.
Nesta edición a doazón solidaria, a prol da Asociación Saúde Mental A Mariña, será voluntaria e poderá seleccionarse no momento da inscrición.
Tamén chega con novidades a Andaina Solidaria de Reis, con novo percorrido e distancia: será de 9 quilómetros pasando pola zona do Santo Estevo do Ermo e a inscrición será doada á Asociación Saúde Mental A Mariña.
O xoves 4 de xaneiro será o último día para anotarse tanto para a carreira como para a andaina.