A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu concerto do Día da Patria o 25 de xullo no parque de San Francisco.

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto do Día da Patria este xoves, días 25, ás 20:30 horas no parque de San Francisco, aínda que se houbese mal tempo trasladaríase ao Teatro. O director da Banda, David Ballester, destaca que vai ser un concerto especial porque en dúas pezas tocarán alumnos e alumnas da Escola de Municipal de Música e Danza de Ribadeo e porque se cumpren dez anos da súa primeira actuación ao fronte da Banda ribadense.

David Ballester explica que “chegada a data do 25 de xullo, a Banda Municipal de Música de Ribadeo, como non podía ser menos e xa é tradición, vai facer o concerto do Día da Patria no parque de San Francisco ás oito e media da tarde”.

O director da Banda de Ribadeo salienta que “vai ser un concerto un pouco especial porque, ademais de como facemos todos os anos, tocaremos obras galegas de diferentes estilos e distintos compositores, nesta ocasión tamén imos ofrecer un par de pezas nas que van participar alumnos da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, que xa estiveran con nós o ano pasado no Ribadeo Indiano tocando unha peciña e este ano van participar tamén neste concerto cun par de obras”.

Ballester subliña que “xa que os músicos que van vir convidados da Escola estaban baixo a batuta de Rubén Solloso nas clases de banda da Escola de Música algúns dos temas van ser dirixidos por el. Ademais de ser especial porque veñen eses músicos, para min persoalmente é un concerto que vai ter un significado importante porque tal día como este hai dez anos era o meu primeiro concerto ca Banda. Entón o 25 de xullo farei dez anos xa dirixindo a Banda Municipal de Música de Ribadeo, o cal é un orgullo e un pracer”.

O director da Banda ribadense quere “convidar a toda a xente que estea este xoves por Ribadeo a que acuda ao parque de San Francisco e poida disfrutar da música da Banda Municipal de Música de Ribadeo”.