O grupo musical galego A Banda da Loba actuará na Pontenova este sábado, día 21 de agosto. O concerto será na Praza dos Fornos ás 21:30 horas.
A Banda da Loba é unha formación galega integrada por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este proxecto. Destaca a creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou outros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas. Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk... e fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical. En decembro de 2017 saíu á rúa o seu primeiro traballo discográfico, “Bailando as rúas”, no que contaron coa produción musical de Adrián Saavedra e as colaboracións de Guadi Galego e Tanxugueiras. Tras o gran éxito acadado, sendo gañadoras do Premio aRitmar 2018 á mellor canción en lingua galega, e despois de dar máis de setenta concertos en ano e medio, dentro e fóra do noso territorio, presentáronnos no 2019 o seu novo traballo, "Fábrica de luz", dedicado á figura de nai entendida nun sentido amplo, como todo aquilo que nos dá identidade. Aínda coa pandemia da COVID polo medio, volven conseguir unha gran repercusión, que rematan de completar no 2021 co seu terceiro traballo, un EP dedicado a Xela Arias, escritora homenaxeada nas Letras Galegas, titulado "Hasme oír".
A banda da Loba son: Andrea Porto Mato (baixo), Estela Rodríguez Carvalho (violín), Inés Mirás Vieites (guitarras), Marcela Porto Mato (batería e percusións) e Xiana Lastra Pernas (voz).