Ata o 19 de maio está aberto o prazo para presentar traballos ao VII Concurso Fotográfico de Medio Ambiente "Cervo Respecta 2017".

O Concello de Cervo vén de convocar o VII Concurso fotográfico de medio ambiente “Cervo Respecta 2017”.

Tal e como explicou a edil de medio ambiente, Manuela Méndez “os participantes poderán presentar un máximo de dúas fotografías, baseadas na temática xenérica do medio ambiente, inéditas e orixinais, sacadas en calquera lugar da Comunidade Autónoma de Galicia, terán que ser imaxes de natureza viva, que sirvan de exemplo de conservación do noso medio”.

Deberanse presentar en formato dixital, en alta calidade, nun CD acompañado cunha ficha da autoría que se pode solicitar na Casa da Cultura, na Casa do Concello ou a través do correo electrónico: medioambiente@concellodecervo.com.

O prazo para presentar as imaxes remata o venres 19 de maio, e a entrega poderase facer nos edificios municipais, ou ben a través do correo electrónico anteriormente especificado.

O fallo do xurado darase a coñecer o día 3 de xuño. Hai tres premios establecidos. O autor da fotografía gañadora será galardoado cunha figura de cerámica de Sargadelos e un vale de 150 euros para empregar en establecementos do Concello de Cervo. O segundo premio está dotado cunha figura de Sargadelos e un vale de 75 euros.

Ademais, tamén se premiará á mellor fotografía medioambiental na que se identifique claramente unha paraxe deste Concello; que recibirá un vale de 50 euros.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, sinalou que “esta é unha cita xa consolidada no noso Concello, que celebramos con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que ten lugar cada 5 de xuño, data na que entregamos os premios. Animamos, pois, a todos os amantes da fotografía e da natureza a que participen e nos fagan chegar as súas instantáneas, cun único fin: o de concienciar no respecto ambiental”.

O Concello de Cervo editou dípticos que serán repartidos entre os alumnos do IES Marqués de Sargadelos, co obxectivo de animalos a participar “nunha iniciativa que pon en valor un dos nosos bens máis prezados e vulnerables, a natureza”.

Cabe lembar que ademais deste certame, o Concello de Cervo ten en marcha diferentes iniciativas nesta liña, como pode ser o programa educativo-ambiental de visitas guiadas ás prantas depuradoras do Concello, a plantación con árbores autóctonas de montes municipais ou a entrega gratuíta de composteiros.

Ademais Cervo forma parte da Rede de Gobernos Locais +biodiversidade dende finais de 2016.

Unha sección da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) encamiñada á promoción de políticas locais para o uso sostible dos nosos recursos naturais, á preservación do patrimonio natural e ao fomento do desenvolvemento rural, baixo criterios de sostenibilidade.