A Asociación de Comerciantes Centro Histórico e Prato-Do poñen en marcha unha nova campaña con Cines Viveiro do 11 ao 19 de maio

A Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro anuncia que continúa “coa colaboración que xa ven sendo habitual con Cines Viveiro e Prato-Do. Trala boa acollida entre o público que tivo esta promoción nas anteriores edicións, poñémola de novo en marcha pero con novidades có fin de mellorar a actividade o máximo posible. O obxectivo segue a ser o de poñer en valor o cine, e achegar a cultura cinematográfica ós mais novos, pero sempre desfrutando dende unha butaca de sala de cine e nunha gran pantalla. Por este motivo, o CCHV, a Asociación Prato-Do e Cines Viveiro continúan a sumar forzas para acadar a visibilidade que merece o esforzo que conleva ter películas de primeira, estreas ó mesmo tempo que no resto do territorio nacional, nun cine local”.

Serán vales desconto de 2 euros para poder ver nesta ocasión 3 películas de animación e aventuras a elixir cada fin de semana: o sábado 11 e domingo 12 poderán escoller entre Garfield, Guardiana de Dragones e Kung Fu Panda; e o sábado 18 e domingo 19 poderán escoller entre Garfield, Guardiana de Dragones e La Familia Benetón.

CCH Viveiro explica: “en aras de seguir mellorando a experiencia, imos poñer en marcha a promoción unha fin de semana para Viveiro e outro fin de semana para a Mariña Occidental. Polo que haberá vales tanto para o 11 e 12 como para o 18 e 19 de maio. Na primeira fin de semana poderanse beneficiarse os nenos dos colexios de Viveiro e na seguinte fin de semana serán os nenos dos colexios da Mariña Occidental. Para a primeira fin de semana os vales serán entregados nos colexios de Viveiro, CEIP de Celeiro, CEIP Landro, EEI San Roque, CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo, CEIP Plurilingüe de Covas e o CEP Lois Tobío, e na segunda fin de semana entregarémolos nos colexios de O Vicedo, Xove, Cervo e Burela, chegando así a outros colexios da comarca. É importante recalcar que é necesario entregar o vale físico en taquilla para que se poida aplicar a promoción. Se acude un núcleo familiar e os rapaces entregan os vales, tamén se lles aplicará o desconto ó resto de membros desa unidade familiar. Así pois, o desconto será directo ó presentar o vale en taquilla, pero tamén se pode canxear previamente ó comprar a entrada online en www.cinesviveiro.com cas indicacións que figuran no propio vale, este sistema é moi rápido e sinxelo e garante que xa tes o teu sitio reservado ó chegar, aínda que no momento de entrar non exime de entregar igualmente o vale na entrada. O aforo é limitado e por iso se recomenda o sistema de sacar a entrada online. Igualmente, o cine abrirá as súas portas 30 minutos antes do inicio da sesión para que a xente poida ir con tempo e así intentar evitar as esperas”.