Este xoves, 11 de xullo, dan comezo en San Ciprián as súas Festas do Carme, que se prolongarán ata o día 16.
O primeiro día das festas ás 21:00 horas haberá teatro coa actuación do grupo O Bordelo de Cervo que representará a obra Toluras de proveito. Terá lugar no auditorio da Casa da Cultura.
O venres, 12 de xullo, ás 21:00 horas no auditorio da Casa da Cultura, haberá outra representación teatral co grupo Ardora de San Ciprián, que porá en escena a obra O silenzo do Badal. A partir das 00:00, na praza dos Campos, celebrarase unha actuación musical.
O sábado, 13 de xullo, ás 21:00 horas, comezará un concerto de corais, na igrexa de Santa María, no que intervirán a Coral Polifónica de Monforte de Lemos, a Coral Polifónica Sons do Farelo de Antas de Ulla e a Coral Polifónica do CIT de San Ciprián, que organiza o evento. A música seguirá, a partir das 00:00 horas, na praza dos Campos.
O domingo, 14 de xullo, ás 22:00 horas no auditorio da Casa da Cultura, ofrecerán un concerto de música dos 80 Los Indecisos.
O luns, 15 de xullo, ás 14:00 horas, haberá sesión vermú co grupo Arizona. Ás 21:00 horas celebrarase unha misa solemne na igrexa parroquial de Lieiro con posterior procesión que estará acompañada pola Agrupación Musical Dambara-San Inocencio de Burela. Ás 23:30 horas, na praza dos Campos, actuarán en concerto The Vacas e o grupo Arizona.
O martes, 16 de xullo, ás 11:00 horas, será o chupinazo e pasarrúas do grupo A Rebolaxe de San Ciprián. Ás 12:00 horas, no peirao, celebrarase unha misa e de seguido unha ofrenda floral e procesión acompañada polo grupo A Rebolaxe. Ás 14:00 horas haberá sesión vermú coa orquestra Acordes. Ás 20:30 horas, na praza dos Campos, terá lugar unha exhibición de baile tradicional infantil a cargo do grupo Mistura. Finalmente, ás 23:00 horas na praza dos Campos, haberá verbena coa orquestra Acordes e o grupo Clan Zero.