A Auditorio Pascual Veiga será escenario o 23 de decembro dun concerto conxunto das Bandas de Música de Mondoñedo e Foz.

O Concello de Mondoñedo, a través da Concellería de Educación, programa para este domingo, 23 de decembro, un concerto conxunto da Banda Pascual Veiga de Mondoñedo e da Banda de Música de Foz. O recital dará comezo as 20:30 horas no Auditorio Pascual Veiga.

O edil de Educación, Alberto García, explica que o concerto ofrecido pola Banda Pascual Veiga en conxunto coa formación de Foz “pretende ser unha homenaxe aos tres directores xa falecidos que tivo a formación mindoniense, Eduardo Rodríguez, ArcadioMon e EnriqueTeijeiro. Arcadio tamén foi director durante moitos anos da Banda de Música de Foz”.

Alberto García invita a desfrutar deste concerto, “preparado con moito empeño por grandes artistas e profesionais, durante o que queremos ter presente aos tres directores da agrupación Pascual Veiga e a todos os que fixeron posible que Mondoñedo mantivera viva durante moitos anos esta formación musical”. Así, o edil de Educación desexa“Mil primaveras máis para a Banda de Música Pascual Veiga”.
Recuperación da Banda de Música Pascual Veiga

O edil de Educación lembra que no mes de setembro do ano pasado, “os mindonienses recuperábamos, tras varios anos de inactividade, a banda de música. Foi con motivo da Festividade da Virxe dos Remedios tras moitas chamadas e despois dun bo número de meses de ensaios”. 
Co concerto previsto para o domingo, a Banda de Música Pascual Veiga suma a súa sexta actuación, “unha cifra que, quizais, pode parecer pequena pero que significa un importante esforzo para uns músicos que actúan de xeito desinteresado, o que agradecemos enormemente”. 

Alberto García explica que resucitar a Banda Pascual Veiga, “non foi doado. Contamos co apoio dos músicos máis veteranos da nosa cidade, xunto ao director da Escola Municipal de Música, Xan Carballal, e, coa suma de todos, conseguiuse reunir nesta nova andaina a unha vintena de integrantes, moitos deles antigos membros desta agrupación, xunto a novos valores da Escola Municipal de Música, todos dun xeito altruísta”.

A este respecto, o concelleiro engade que “a día de hoxe o obxectivo non está nin moito menos concluído, xa que precisamos de máis músicos que enriquezan a formación, por iso quero animarvos a todos os que teñades interese en formar parte deste proxecto, que se desenvolve baixo a dirección de Rubén Solloso”.

Repertorio
Na primeira parte do recital baixo a dirección de José Luís Fernández Carreiras, interpretarán AdesteFideles (Villancico Arr. Manuel Navarro); The happycyclist (TedHuggens), con Noa Fernández Corbelle como solista; The secondvals (DimitriShostackovith. Arr. André Waignein) e Feuerfest (JosefStrauss), sendo solista PabloPeláez Campos. 

Durante a segunda parte do concerto,  baixo a dirección de Rubén Solloso Irimia, ofrecerán aos asistentes Christmaschant (Tradicional. Arr. JohnKinyon); A holidaysing-along (Arr. JohnMoss); A celticChristmas (James L. Hosay) e Feliz Navidad (José Feliciano. Arr. MichaelSweeney).