É a terceira edición dunha actividade exitosa e innovadora na zona: microteatro en bares. Trátase dun circuíto de pequenas representacións teatrais de breve duración, ben monólogos, ben pequenas obras de teatro de poucos participantes, que terán lugar a carón do mostrador dos bares e cafeterías barreirenses.
Tras dúas edicións nas cales todos os establecementes de hostalería de Barreiros tiveron a oportunidade de acoller algunha actividade de Ollomao, o colectivo barreirense lanza nesta ocasión unha convocatoria para que sexan os propios establecementos quen soliciten contar cunha destas representacións. O límite máximo está en dez locais, e o criterio para a selección é a orde de inscrición. Tras completar o número máximo xerarase unha lista de agarda por se se dera algunha baixa.
Os requisitos para que un establecemento de hostalería poida participar son que estea ubicado en calquera das parroquias de Barreiros e que conte cun espazo de bar ou cafetería. Esta actividade é gratuíta para os establecementos, os que se desexan participan deben comprometerse a apagar a televisión ou música do local durante a representación e colaborar na difusión da actividade. Tamén se pide que se reserve un pequeno espazo no local para a actuación, aínda que non se contará con decorados nin elementos de gran volume.
Todos os bares interesados en inscribirse poden facelo escribindo a colectivo.cultural.ollomao@gmail.com; ou por Whatsapp no número 650542932. Calquera dúbida pode ser tamén consultada por estas canles, antes do 16 de decembro ás 23:59h. Tras o peche desta convocatoria, Ollomao lanzará unha segunda para que calquera persoa ou grupo poida presentarse para participar cunha actuación nesta nova edición do “Teatro nos Bares”.