O empresario Gervasio Cao e o enólogo Roberto Regal presentaron onte á noite os dous viños de Fumarel elaborados na Ribeira Sacra. A degustación, que se celebrou na propia vinoteca ribadense con numerosa presenza de público, estivo acompañada con embutidos de porco celta de Cárnicas Teijeiro, de Sarria.
Os dous viños creados por iniciativa de Gervasio Cao son tintos Súmmum Ribeira Sacra. Un deles, chamado Fumarel Croa, foi elaborado con uva da variedade Mencía ao 100%, producíronse 1.600 botellas e foi embotellado no pasado mes de abril. O outro, denominado Fumarel Penadoso, fíxose con uvas das variedades Mencía e Brancellao, a produción é de 300 botellas e foi embotellado neste mes de xuño.
Gervasio Cao explicou que “isto naceu o ano pasado nestas datas, foi algo moi acelerado pero que eu realmente tiña moitas ganas de facer, de ter viño propio, que tiña que ser viño da terra, e ademais neste caso de Lugo, da ribeira do Miño, concretamente en Taboada. A outra pata do proxecto é Roberto Regal, enólogo e persoa a que coñecín por estas datas o ano pasado e tardamos menos dunha semana en volver ter un encontro para poñer a andar esta especie de loucura, que espero que teña éxito e guste”.
E o enólogo Roberto Regal engadiu que “Fumarel ten dúas creacións, de dúas viñas diferentes: Croa e Penadoso. Son dous viños de dúas fincas exclusivas, das que se encarga Gervasio Cao para crear con nós estes viños. É o noso proxecto e é a cohesión con Fumarel, con xente que ten sensibilidade non só polo xenuíno e polo persoal senón tamén observei no Fumarel, a través de Gervasio, a sensibilidade que hai por algo moi importante que é básico no proxecto Enonatur. O primeiro que buscamos é a preservación do medio ambiente. Estes viños están feitos de xeito ecolóxico, sen herbicidas, sen abonos químicos e sen sulfatos sistémicos. É moi importante no proxecto Enonatur viños como os do Fumarel porque xeran dinamismo económico nunha zona desfavorecida, como é o sur lucense. Tamén neste proxecto é básico dignificar ao agricultor, e neste caso ao viticultor. Nós traballamos desde hai dez anos con viticultores profesionais e con sensibilidade, que tratan ás cepas con cariño para poder transmitirllo ao viño. Por iso a min gustaríame destacar a sensibilidade que tivo Gervasio e que ten Fumarel con este proxecto”.