O Concello do Valadouro a través da súa Concellería de Cultura colabora coa representación teatral que terá lugar este sábado, 7 de outubro.
O Grupo de Teatro Ribadeo porá en escena a obra O Inspector. A actuación enmárcase dentro do proxecto teatral de teatro afeccionado Buxiganga patrocinado pola Deputación Provincial de Lugo.
A representación terá lugar no salón de actos do centro sociocultural, xuvenil e de terceira idade Manuel Lourenzo do Concello de O Valadouro, a partires das 20:30 horas.
O Grupo de Teatro Ribadeo estreaba a comezos do pasado ano esta adaptación da novela do dramaturgo Nikolái Gógol que narra como nunha perdida vila galega, o alcalde e os funcionarios están agardando a un inspector enviado desde a capital para investigar as corruptelas cometidas nesta administración local. A chegada dun home misterioso desencadeará unha espiral de enganos nunha divertida sátira sobre a cobiza e a estupidez dos burócratas.