A recentemente creada A Xanela Editorial abre o seu camiño editor cun libro moi especial: Elas, de Aurora Marco, que se presentará o vindeiro 29 de setembro en Ribadeo nun acto na Escola Municipal de Música e Danza.
Segundo explican desde a Concellaría de Igualdade “a ensaísta, catedrática de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela, quixo mostrar nesta obra as contribucións das mulleres galegas nos diferentes ámbitos de ocupación desde as orixes ata 1975, ano de cambios políticos e punto de partida da revisión da situación e dereitos das mulleres”.
E engaden que “o libro, editado por A Xanela Editorial, é froito do labor de investigación iniciado na década dos 80 e recolle unha compilación de biografías que permiten ter unha visión do papel determinante da muller galega na sociedade do seu tempo”.
A presentación do libro terá lugar na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo o vindeiro venres, 29 de setembro, ás 20 horas, e contará coa presenza da autora, Aurora Marco; do alcalde de Ribadeo, Fernando Súarez Barcia; da concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra; e o editor, Xosé Manuel Manuel Calviño.
Haberá unha actuación musical a cargo da EMMeD e inaugurarase a exposición das oito artistas que participan no libro con 16 serigrafías de Chelo Rodriguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva Xiraldez, Mª Manuela, Mª Xesús Diaz, Novais, Sabela Arias Castro e Vanessa Lodeiro.