Un ano máis, e antes de comezar a XXIX Tirada de Bolos Concello de Xove, o Concello, a través da súa Concellería de Deporte, xunto co Colexio Pedro Caselles Rollán e o IES Illa de Sarón de Xove, organizan unhas xornadas destinadas a promocionar o xogo dos bolos entre os alumnos/as de ámbalas dúas institucións educativas.
Polas Xornadas deste ano 2017 van pasar 22 alumnos/as de 5º e 18 de 6º de Educación Primaria do Pedro Caselles, e 21 alumnos/as de 1º de ESO do IES Illa de SArón. Nas mesmas se lles van explicar os fundamentos deste xogo autóctono, e todos terán, así mesmo, a oportunidade de xogar.
As xornadas van ter unha dobre vertente, con explicacións teóricas a cargo do Técnico de Cultura Mario Eijo, e unha parte práctica a cargo do veterano xogador José González Rodríguez, quen se vai a encargar de explicarlles de forma práctica como se tira, como hai que coller a bola, etc.
As Xornadas comezaron hoxe na Bolera do Campo Municipal de Fútbol de Xove, contándose coa participación dos 22 alumnos/as de 5º de Educación Primaria do CEIP Pedro Caselles, os cales estiveron acompañados polos profesores Mª José Burón e Daniel Jardón.
As Xornadas van continuar con arranxo ao seguinte calendario:
Mércores 27 de Setembro:
-De 13:30 a 14:20 h: 21 alumnos/as de 1º de ESO do IES Illa de Sarón.
Venres 29 de Setembro:
-De 10:30 a 11:20 h: 18 alumnos/as de 6º de Primaria do CEIP Pedro Caselles.
O obxectivo destas Xornadas, ademais da promoción deste deporte en sí, é o de incorporar novos xogadores/as á Liga de Bolos Municipal, dado que hai uns anos tivemos un baixón no número de xogadores ao retirarse moitos dos vellos xogadores e non haber relevo; debido a isto, o Concello hai 16 anos decidiu crear unha Liga Sub 16 co fin de ir preparando xogadores/as que puideran cubrir as vacantes producidas polas citadas retiradas de vellos xogadores.
Loxicamente, por idade, os mellores sitios onde se poderían atopar novos xogadores serían os centros educativos, reset caso o CEIP Pedro Caselles e o IES Illa de Sarón.
Estas Xornadas véñense celebrando dende hai varios anos, contándose para o mesmo, nesta edición, coa colaboración dos departamentos de educación física do Colexio Pedro Caselles e do IES Illa de Sarón.
Dende o Concello só nos queda agradecerlle aos profesores Mª José Burón e Daniel Jardón do Colexio Pedro Caselles e ao profesor Luis Rico do IES Illa de SArón toda a colaboración prestada na organización destas Xornadas.