"Mámoas e círculos: unha aproximación ao patrimonio arqueolóxico do concello de Xove", é o título da conferencia que o arqueólogo Ignacio Vilaseco Vázquez impartirá o próximo sábado, día 11 de marzo, ás 19.00 horas na Aula de Formación (fronte ao xeriátrico) en Xove.
No catálogo de xacementos arqueolóxicos do PXOM de Xove figuran 32 xacementos: 21 mámoas, 7 castros e 4 sitios arqueolóxicos doutro tipo. O PXOM non recolle no catálogo as últimas incorporacións que a Dirección Xeral de Patrimonio incluíu no seu inventario e, por suposto, tampouco inclúe as mámoas recentemente descubertas nin a estrutura circular de Lavandeira. “Estes datos dannos unha idea da gran importancia que ten o patrimonio arqueolóxico de Xove”, din desde Mariña Patrimonio.
Mariña Patrimonio coa organización desta conferencia do arqueólogo Ignacio Vilaseco pretende “dar a coñecer a riqueza dun patrimonio moitas veces esquecido, centrándonos especialmente nas mámoas e nos enigmáticos círculos como o da Lavandeira”.
E engaden: “como complemento a esta conferencia, organizamos unha visita á monumental mámoa descuberta recentemente e mais á estrutura circular de Lavandeira. Esta visita farase en coches particulares e trancurrirá por unha pista de terra en parte do tramo. Partiremos da praza do Concello de Xove ás 16.30 horas. Tanto a visita como a conferencia son gratuítas e están abertas ao público en xeral”.
BREVE CURÍCULO:
Ignacio Vilaseco Vázquez
Licenciado en Xeografía e Historia, especialidade de prehistoria e arqueoloxía, pola Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén cursou os estudos de terceiro ciclo. Como investigador, foi bolseiro de investigación na Universidade de Santiago de Compostela e bolseiro predoutoral da Xunta de Galicia. Participou en diversos proxectos de investigación levados a cabo polas Universidades de Vigo e Santiago de Compostela e pertence, desde a súa fundación, ao Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio do Departamento de Historia desta última universidade.
Realizou diversas publicacións que abarcan diferentes aspectos da arqueoloxía de Galicia, aínda que centradas preferentemente no estudo do ritual funerario das sociedades prehistóricas, desde o Neolítico á Idade do Ferro, se ben o se principal campo de estudo é o megalitismo.
Profesionalmente, traballou en diversas intervencións arqueolóxicas en Galicia e ademais foi arqueólogo contratado no concello de Tui e mais na Deputación da Coruña. Desde o 2004 é arqueólogo da Xunta de Galicia, onde traballou nos departamentos territoriais de Lugo e Pontevedra e, na actualidade, no Servizo de Arqueoloxía, en Santiago de Compostela.