A Casa do Mar de San Ciprián está a acoller estes días o campionato de tute e parchís, que organiza o Concello de Cervo, a través da delegación de Igualdade, con motivo do Día Internacional da Muller, que se celebrará o 11 de marzo.
Están xogando, en horario de mañá e tarde, 18 parellas, 10 ao parchís e 8 ao tute.
A edil delegada de Igualdade, Pilar Armada, sinalou que “as gañadoras recibirán os correspondentes trofeos na Cea do Día da Muller, que terá lugar no Restaurante Boa Vista, o sábado 11 de marzo. Alí entregaremos unha figura de Sargadelos a cada unha das integrantes, das tres mellores parellas de cada disciplina”
Armada recordou que “o prazo para anotarse a esta cea está aberto ata o vindeiro día 7 de marzo e haberá agasallos sorpresa para as asistentas”.
O programa complétase cunha serie de actividades que levarán a cabo as diferentes asociación do municipio que colaboran: Asociación de Mulleres de San Ciprián, Amas de Casa “Alborada”, Mulleres Rurais “As Espalladoras”, e Mulleres en Igualdade.
Así ás 19:00 horas, na Casa da Cultura, haberá unha exhibición de Taichi a cargo da Asociación Alborada de San Ciprián.
Ás 19.30 horas, o grupo de mulleres Ardora, de San Ciprián, representará a obra “Mal Social”. Será no Auditorio Municipal, aberto a todo o público.
Logo da cea, a xornada rematará con baile na Casa do Mar, a cargo do Dúo Sintonía.