O Concello de Cervo programa para o vindeiro mércores 1 de marzo un espectáculo Dance Play. A cita será a partir das 18:00 horas na carpa instalada na Praza dos Campos.
A edil delegada de Cultura e Xuventude, Dolores García Caramés, convidou a todo o mundo “a mover o esqueleto na tarde do mércores, nunha actividade que introducimos este ano como novidade, e coa que pretendemos chegar a tódolos membros da familia”.
Caramés concretou que a actividade comezará ás 18:00 horas “a esa hora teremos todo preparado na carpa para a confección de caretas artesanais e máscaras, e xa a partir das 19:00 horas comeza o Dance Play. Ademais haberá inchables e incluso virán a visitar aos pequenos as mesmísimas mascotas de Disney”.
Esta actividade –engadiu- “completa un calendario de Entroido que perfilamos pensando en tódolos membros da familia, de xeito que entre o 25 de febreiro e o 4 de marzo, temos programación, practicamente a diario”.
Recordamos que esta tarde, a partir das 18:00 horas, é a festa infantil na Praza dos Campos, coa actuación do pallaso Peter Punk.
Xa mañá, martes de Entroido, é a quenda do tradicional desfile de San Ciprián. Sairá da Praza dos Campos ás 18:00 horas. Haberá importantes premios en metálico para os mellores disfraces e comparsas.
A charanga Os Macanudos amenizará a tarde, e, xa pola noite, ao remate do desfile, collerá o testigo o grupo de música Kalimea. ÁS 22:30 horas terá lugar a tradicional cea de Entroido, organizada polo CIT
O colofón final do Entroido de Cervo, será o 4 de marzo en San Román, nunha festa de disfraces amenizada pola orquestra “La Favorita”.