O Concello de Cervo organiza unha andaina para conmemorar o día internacional contra o cancro de mama. Será o 23 de outubro polo paseo azul do Torno, en San Ciprián.

O Concello de Cervo organiza unha andaina para conmemorar o día internacional contra o cancro de mama. Será o 23 de outubro polo paseo azul do Torno, en San Ciprián.
 
O Concello de Cervo, a través das Delegacións de Sanidade e de Igualdade, organiza unha andaina que terá lugar o 23 de outubro a partir das 17 horas para conmemorar o Día Internacional contra o Cancro de Mama.
 
A concelleira de Sanidade, Manuela Méndez, anunciou hoxe que “o Concello de Cervo, con motivo do Día Internacional contra o Cancro de Mama, vai organizar unha andaina polo paseo azul do Torno, en San Ciprián. Partiremos do peirao no porto de arriba todo polo paseo ata as antigas fábricas de salgadura e logo ata a ponte medieval. Viremos despois ata a Casa do Mar, onde tomaremos un café. O Concello dará neste día a cada unha das persoas que participe na camiñada unha camiseta rosa cos slogans propios da conmemoración do día”.
 
Manuela Méndez salienta que “con este acto o que pretendemos é concienciar á xente da importancia de estar todos unidos para poder saber levar adiante formas saudables de vida, métodos de detección precoz e falar sobre un problema que non é soamente das mulleres senón da sociedade en xeral”.
 
A edil de Sanidade subliña que “dende Cervo tamén queremos estar aí aportando o noso grao de area para que se siga investigando nesta enfermidade e poder alcanzar nun futuro próximo un cen por cen da curación”.
 
Manuela Méndez rematou comentando que “para celebrar esta andaina invitamos a todos os veciños e veciñas que se queiran achegar o día 23 de outubro, aínda que o Día Internacional contra o Cancro de Mama é o 19 pero por ser mércores pasámolo ao domingo. Queremos convidar a todas as persoas que así o desexen, novos, novas, maiores, máis pequenos, quen queira, a que se acheguen a participar nesta concentración, que dende o Concello de Cervo queremos e pensamos que vai ser todo un éxito”.