Intensa actividade cultural en Ribadeo ata o 17 de xullo con exposicións, espectáculos para os nenos e música. Algúns actos enmárcanse no programa Ribadeo Diversx.

Intensa actividade cultural en Ribadeo ata o 17 de xullo con exposicións, espectáculos para os nenos e música. Algúns actos enmárcanse no programa Ribadeo Diversx.
 
Intensa semana de actos culturais en Ribadeo coa inauguración de varias exposicións, con espectáculos para os máis pequenos e con música. Parte destas actividades enmárcanse no programa Ribadeo Diversx, posto en marcha para que todos e todas “nos familiaricemos coas diferentes orientacións sexuais e os dereitos de todas as persoas a non ser discriminadas pola súa condición sexual”, segundo deu a coñecer no día de hoxe o concelleiro de Cultura, Farruco Graña. 
 
O edil nacionalista contou que “a semana do 11 ao 17 de xullo ten unha variada gama de actividades en Ribadeo. De entrada, e ata o martes da semana que vén, poderemos ver a exposición de debuxo de Carla Méndez Aires dos anos 30, que está na sala de exposicións da Oficina Municipal de Turismo”.
 
Graña explicou que “hoxe, 12 de xullo, e integrado no programa Ribadeo Diversx poñeremos en marcha a exposición Diversxs e visibles. Dita mostra será ao aire libre, no Parque de San Francisco, e nela poderemos familiarizarnos un pouquiño máis coas diferentes orientacións sexuais e os dereitos de todas as persoas a non seren discriminadas por razón da súa orientación sexual. Este programa foi posto en marcha pola Deputación Provincial de Lugo”. 
 
O concelleiro de Cultura engadiu que “mañá, mércores, día 13, teremos a Jano Sen Medidas no Parque San Francisco, a partir das 20:30 horas. Trátase dun espectáculo de circo-clown realizado pola compañía PistaCatro para todos os públicos con humor orixinal, participativo e arriscadamente divertido. Xogar coma un neno atrapado nos medos dun adulto. Mesturar a destreza dos malabares, a forza das acrobacias e o desenfreado inxenio coa participación do público. Celebrar un gol, saltar á corda, percorrer unha distancia sobre as mans, soñar vendo as estrelas, imitar un baile ridículo, argallar unha broma ou crer na maxia... velaí todo o que poderemos ver achegándonos ao Parque de San Francisco e pasalo ben con Jano Sen Medidas, da compañía PistaCatro. Trátase dunha actividade integrada no programa Cultura no Camiño, posto en marcha por AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais) e Turismo de Galicia”.
 
A axenda cultural para os vindeiros días inclúe “xa o venres 15, e tamén dentro do programa Ribadeo Diversx, haberá varias actividades no Parque de San Francisco. Ás 11:30 teremos un contacontos no Parque de San Francisco. O título: E ti, cantas mamás tes? Despois deste contacontos, teremos un obradoiro no que se mostrarán de forma didáctica os diferentes tipos de familia. O seu título é A miña familia”. Farruco Graña seguiu a relatar que “o mesmo venres, 15 de xullo, inaugúranse dúas exposicións en Ribadeo. Unha de pintura de Manuel Cancio Varela, na sala de exposicións do Parque de San Francisco. Alí imos poder contemplar os lenzos de Manuel Cancio Varela ata o día 26 de Xullo. E outra exposición, nesta ocasión de fotografía, vai ser inaugurada no Forte de San Damián. Vai estar aberta do 15 ao 31 de xullo en horario de 11:30 a 13:30 e de 18:30 a 20:30 horas. De novo os paseos cara ao Faro de Illa Pancha vanse ver reforzados cunha pequena parada estética no Forte de San Damián”.
 
O concelleiro de Cultura manifestou que “para rematar a semana, e seguindo co programa Ribadeo Diversx, o sábado imos poder gozar da boa música cun concerto a cargo do grupo De Vacas. Será ás 20:30 no Parque de San Francisco.  Faia Díaz  xunto a Inés Salvado e Paula Romero, compoñen o grupo De Vacas, do que tamén forma parte o músico Guillerme Fernández, integrante de formacións como Berrogüetto ou aCadaCanto. Fan versións de grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia. Tratan de rescatalos e facerlles unha merecida homenaxe”.
 
Farruco Graña concluíu: “toda unha semana para aproveitar as diferentes actividades que se poñen en marcha en Ribadeo, onde os paseos son arte e a tarde noite faise espectáculo e música”.