A Banda Municipal de Ribadeo ofrecerá o tradicional concerto de Semana Santa o día 20 de marzo no Cine Teatro. Ademais acaba de renovar a súa páxina web.

A Banda Municipal de Ribadeo ofrecerá o tradicional concerto de Semana Santa o día 20 de marzo no Cine Teatro. Ademais acaba de renovar a súa páxina web.
 
A Banda Municipal de Música de Ribadeo acaba de renovar a súa páxina web e ofrecerá o tradicional concerto de Semana Santa o día 20 deste mes, domingo, ás 20:30 horas no Teatro ribadense. Ademais a asociación Amadores da Música celebrará unha asemblea xeral extraordinaria o día 2 de abril para elixir nova xunta directiva. 
 
Amadores da Música anunciou hoxe que “despois dun tempo fóra de servizo para renovar e actualizar os contidos, a nosa Banda ten de novo un lugar no ciberespazo. Esta necesaria actualización pretende achegar a información básica sobre o noso colectivo e as súas andainas logo destes anos. A nosa pretensión foi conseguir un deseño áxil, sinxelo e efectivo coa información máis completa posible sobre os concertos, os músicos e músicas que tiveron presenza desde os seus inicios e todas aquelas noticias que teñan relación coa propia Banda e a música que se fai en Ribadeo. A poucos días de rematar o noso mandato como directiva, parécenos apropiado dar a coñecer a todo o público este novo espazo e invitarvos a colaborar con nós neste proxecto que agora actualizamos. Queda moito camiño por facer e é necesario que todos colaboremos, suxerindo contidos, facendo comentarios, corrixindo erros, aportando imaxes,… Queremos que sexa un espazo vivo no que compartir información e no que nos atopemos todos e todas. A dirección da renovada web é www.bandamusicaribadeo.org e nela poderedes encontrar: unha pequena historia da Asociación Amadores da Música, co listado de tódolos directivos desde a súa fundación no 1998 ata os nosos días; unha breve historia da Banda e dos seus directores; unha relación dos músicos e músicas que conforman a plantilla actual; unha relación por cordas de tódolos músicos desde 1992 (ano no que debuta a Banda) ata hoxe; un listado con tódalas actuacións desde 1992; tódolos programas de man dixitalizados que se foron conseguindo desde o seu inicio; fotografías de concertos e de momentos da Banda; blog de noticias; pódense escoitar as gravacións dos 4 discos existentes ao día de hoxe; un espazo onde descargar partituras (aínda que de momento só está exposta a de Da Capo); direccións varias para poder contactar coa asociación e tamén como facerse socio/a;… En fin, todos aqueles contidos que dan razón de ser e de facer da Banda durante todo este tempo. Esperamos cumprir as expectativas de todo o noso público e agardamos as vosas críticas, suxestións e colaboracións para manter vivo este ideal musical e formativo que enorgullece á nosa vila”.
 
Concerto de Semana Santa
 
O tradicional concerto de Semana Santa da Banda Municipal de Música de Ribadeo terá lugar no Teatro o día 20 deste mes, domingo, ás 20:30 horas. Sobre esta actuación o director da Banda, David Ballester, explicou hoxe que “este ano, como novidade, interpretaremos música de Semana Santa e tamén típica para  bandas; teremos unha actuación en dúas partes”. David Ballester engade que “ademais teremos a sorte de contar cunha solista da banda, que é Paula Pérez Conde, quen tocará á súa frauta o Adagietto for flute, de Ted Huggens. Esperamos que toda a xente que estea en Semana Santa por aquí, pola vila de Ribadeo, poida achegarse e gozar do concerto que imos interpretar”.
 
Por outra parte, o próximo 31 de marzo de 2016 a actual directiva de Amadores da Música remata o seu mandato, segundo o establecido nos estatutos da asociación, “non existindo por parte dos compoñentes actuais intención de presentar unha nova candidatura”, segundo anunciaron. Por ese motivo, convócase asemblea xeral extraordinaria para o día 2 de abril de 2016 ás 20:00 horas, en primeira convocatoria, e ás 20:30 horas, en segunda, no salón de actos da Casa do Mar cun único punto no orde do día: elección de nova directiva.