O Goberno local do Concello de Mondoñedo repartirá preto de 5.000 euros en premios o día grande do Entroido, o próximo 13 de febreiro, aumentando así a contía con respecto aos anos anteriores. Entre as novidades na organización deste ano, a rexedora, a popular Elena Candia, subliña a actuación da Orquestra Claxxon, a elección da raíña do Entroido e o novo percorrido para as carrozas.
No xurado terán presenza representantes do asociacionismo local, ademais de ACIAMS doutros concellos.
Ao longo do día haberá animación pola rúa con comparsas que actuarán desde as doce do mediodía facendo un percorrido desde o Campo dos Paxariños polo casco histórico e cunha actuación a no Barrio dos Muíños. A ruta rematará de novo no Campo dos Paxariños tras percorrer as rúas da localidade.
Menús especiais de Entroido
O Goberno local agradece de xeito especial a implicación da hostalería que, tamén como novidade, terá un menú especial de Entroido e tapas especiais con produtos típicos destas datas. O agradecemento do Concello faise extensible aos voluntarios e á Asociación de Comerciantes e Hostaleiros. “Sempre pensamos que hai que contar coa xente para facer as cousas e así o seguiremos facendo co único obxectivo de promocionar o noso Entroido, e de aí os cambios que introducimos na celebración deste ano”, explica Candia.
Desfile e premios
Os interesados en participar deberán inscribirse no Edificio do CIM, no Campo dos Paxariños, de 16 a 16:30 horas do sábado 13 de febreiro, onde se lles entregará un dorsal co número de participación correspondente.
As charangas e comparsas terán como mínimo 15 participantes e terán que contar cunha escenificación. Serán consideradas charangas as que leven instrumentos reais, e comparsas aquelas que conten con turutas e percusión no seu repertorio.
Os participantes sairán do Campo dos Paxariños ás 17:00 horas e percorrerán as principais rúas da cidade ata chegar á Praza da Catedral. As carrozas, comezarán o desfile no barrio dos Muíños, tamén ás 17:30 horas, e confluirán co resto do desfile na Praza da Catedral.
Considérase categoría infantil aqueles participantes menores de 12 anos de idade. No apartado de grupos infantil, a maioría dos seus compoñentes deberán ser menores de 12 anos de idade, podendo ir acompañados de varios maiores disfrazados.
Os premios serán entregados ás once da noite e todos os participantes deberán de recoller o premio co seu disfrace. Non obterán premio aqueles grupos ou comparsas que non estean no lugar de entrega de premios, cando me nos unha parte dos seus compoñentes.