O 20 de decembro preséntase en Burela a iniciativa A Mariña Lab, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo

O vindeiro venres -20’ de decembro – presentarase en Burela a iniciativa de desenvolvemento arredor da produción alimentaria e da sostibilidade A Mariña Lab, promovida por Prato_Do e financiada pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A Mariña Lab configurarase como un instrumento para sensibilizar e formar en relación coa alimentación, a sostiblidade e a soberanía alimentaria no ámbito educativo  e apoiar a creación e o desenvolvemento de proxectos produtivos neses ambitos, a través de encontros e accións coordinadas entre axentes do sector agroalimentario. 

O deputado de Rural Daniel García explicou que “a presentación Burela será o punto de partida para a posta en marcha dunha iniciativa que ofrece recursos de formación, asesoramento e sensibilización  para desenvolver o potencial produtivo da comarca no ámbito agroalimentario” e destacou “a importancia de abordar esta cuestión a nivel comarcal, tendo en conta a nosa estrutura social e económica”

A presentación, no auditorio municipal de Burela, articúlase en dúas partes, cunha primeira sesión -de 10 a 11 horas – que contará coa participación do alumnado de FP dos IES Monte Castelo e Perdouro de Burela e unha segunda -de 11 a 12 horas – na que se presentará a iniciativa a axentes do territorio e se establecerá un coloquio sobre as oportunidades, desafíos e proxectos que desenvolven as potencialidades do territorio para avanzar na transformación do sistema alimentario.