As XXIV Xornadas Mindonienses de Arqueoloxía celébranse do 13 ao 15 de decembro, dedicadas á Cova do Rei Cintolo

O Concello de Mondoñedo anuncia que os días 13, 14 e 15 de decembro Mondoñedo ten a súa cita habitual coa arqueoloxía.

“Mondoñedo retoma a actividade divulgativa coa habitual cita arqueolóxica que se ven celebrando en decembro dende fai máis de vinte anos. Son as Xornadas Mindonienses de arqueoloxía que, neste 2024, chegan á súa edición número 24. A cita, que combina charlas e visitas, terá lugar os días 13, 14 e 15 de decembro na Sala de Conferencias do Pazo Santomé, na rúa Julia Pardo Montenegro, e será unha edición monográfica sobre a Cova do Rei Cintolo a raíz de todas as investigacións que se estiveron e está a realizar nela dende o ano 2018. Nesta edición, o Concello conta coa colaboración da Federación Galega de Espeleoloxía para achegar esta temática. A edición deste ano, dirixida polo arqueólogo municipal Abel Vigo, conta coa coordinación do xeólogo Marcos Vaqueiro quen, ademais, é o responsable da coordinación e execución das investigacións que se están a executar na cova e que se van a poñer sobre a mesa nesta edición”, explica o Concello mindoniense.

Para a asistir á actividade a organización prega a inscrición a través do e-mail xornadas.arqueo@gmail.com ou a través do teléfonos 982.50.71.77 e 982.52.40.03. A matricula na actividade é gratuíta e estará aberta ata o venres 13 ás 14 horas.

O Concello de Mondoñedo convida a asistir a esta actividade a todas e todos os afeccionados ao mundo da historia e da arqueoloxía.