San Román, en Cervo, celebra as festas do Pilar e do Carme do 11 ao 13 de outubro

A parroquia de San Román celebrará as festas na honra á Virxe do Pilar e á Virxe do Carme do 11 ao 13 de outubro. Os diferentes actos previstos foron presentados pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, polo concelleiro Alfredo Fernández e por unha representación da Comunidade de Montes de Vilaestrofe, entidade que organiza a festa, coa colaboración do Concello de Cervo.

O programa arrinca este venres 11 co SanroDance 2024 a partir das 23:00 horas, no pavillón da parroquia, e que contará coa participación de DJ Pablo Conxuro, DiscoMóbil Alejandro Martínez, e os DJ invitados, Marcos Peón e DJ Balbin.

O sábado 12 haberá misa solemne cantada polo Coro Parroquial de Cervo ás 13:00 horas, e a continuación a orquestra Costa Dorada será a encargado da sesión vermú, que tamén protagonizará a verbena co grupo Da Silva.

O domingo 13 volverá haber misa solemne ás 13:00 horas cantada polo Coro Parroquial de Cervo e sesión vermú prolongada co Dúo Belinda.

O Concello de Cervo convida a toda a veciñanza e visitantes a que gocen destas xornadas festivas na parroquia de San Román.