Edicións Positivas presenta o libro titulado “Chorente, unha aldea no tempo dos soños”, escrito por Xosé Henrique Rivadulla Corcón, en San Cibrao (Cervo) e Arroxo (Lourenzá) os días 23 e 24 de febreiro, respectivamente.
Sobre a presentación programada para o día 23, venres, ás 20:30 horas, anuncian que será “no porto de San Cibrao, acollidos pola lúa, a viruxe a as tabernas que resisten”.
E sobre a prevista para o día 24, sábado, ás 12:30 horas, din que se desenvolverá “na biblioteca Maravilhas, na escola de Arroxo, en Lourenzá. Ver este espazo e esta biblioteca que descoñecemos ha de ser emocionante”.
O libro trata sobre “unha aldea que cre no soño para construír un mundo mellor, e que os mellores soños son os imposibles. Este é o pensamento dos habitantes de Chorente. E non é para eles imprescindible facelos realidade, facelo non está mal. O realmente importante é telos, vivir tendo soños. O que pretenden os homes e mulleres de Chorente é que a vida se manifeste coa mesma estrutura que teñen os soños. Os relatos que conforman este libro naceron hai xa anos, entre 2006 e 2007, como colaboración para o programa da Radio Galega As Quimbambas. Durante 16 anos durmiron case esquecidos nun baúl, nunha memoria dixital e nunha memoria humana. Pero espertaron de súpeto e convertéronse no libro que son, para ser testemuñas de que o tempo mudou case de xeito radical. Mais algo segue sendo inalterable: a certeza de que ou vivimos soñando soños imposibles ou a nosa existencia non terá sentido ningún. O soño é materia imprescindible da nosa identidade”.