Acisa presenta as súas novas bolsas. Trátase dun paquete de mais de 21.000 unidades, que están dispoñibles gratuitamente para o comercio asociado.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo que “como adoitamos a facer polo Nadal este ano tamén entregamos de forma totalmente gratuíta materiais aos nosos asociados e asociadas. Primeiro fixémolo coa hostalería e agora tócalle ao comercio. Nesta ocasión fixemos un esforzo extra, dedicando preto de 10.000 euros para a adquisición destes materias, algo que puidemos facer co cofinanciamento da Xunta de Galicia. Con esta inversión puidemos editar mais de 21.000 unidades destas novas bolsas comerciais”.
E engadiu: “deste xeito respondemos ás necesidades dos nosos asociados e asociados, que diariamente no comercio veñen utilizando as bolsas que dende Acisa lles proporcionamos de forma gratuíta, e que sen dubida é unha das súas maiores demandas”.
Prada explicou que “estas novas bolsas, que poñemos á súa disposición, permítennos traballar con antelación para que estean a disposición dos nosos comercios xa para campaña do Black Friday e por suposto para todo o Nadal, e durante o ano 2024. O deseño tamén é renovado. Utilizamos a nova imaxe corporativa de Acisa, na que se debuxa o noso SkyLine baixo o slogan de O teu comercio. E tamén inclúen o QR-WEB de Acisa. Deste xeito entramos nos fogares de moita xente, facilitando a posibilidade de que cun fácil escáneo, un veciño de Ribadeo, da comarca ou un turista, estando na súa casa, poida ver a actualidade da asociación, a guía comercial ou hostaleira, a oferta turística ou cultural… isto supón manter a aposta pola dixitalización e a estratexia de achegarnos mais ao consumidor. O tamaño das bolsas é o habitual, de tipo mediano que serve para unha gran maioría dos negocios”.
O xerente de Acisa subliñou que “aqueles asociados e asociadas que desexen estes materiais poden comezar a recollelos nas oficinas de Acisa, na rúa San Roque, 57-baixo, de 9:30 a 14:30 horas ou de 15:00 a 17:00”.
Na presentación desta nova tirada de bolsas para os comercios participaron a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, acompañados polo alcalde ribadense, Daniel Vega, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz.
Carmen Cruzado agradeceu “a colaboración de todas as administracións coas que contamos e traballamos desde Acisa, a través de subvencións como neste caso, de convenios ou de acordos e proxectos, que sempre buscan o apoio ao tecido empresarial ribadense e sobre todo a súa dinamización económica”.
O mellor comercio da túa vila
A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, animou “á veciñanza a participar na campaña O mellor comercio da túa vila, na que colaboramos coa Federación Galega de Comercio, como nova iniciativa de dinamización comercial. Esta campaña ten como obxectivo promover e potenciar as vendas, e como novidade, premiar a un establecemento comercial con 500 euros”.
Cruzado Iglesias explicou que “os clientes que queiran participar no sorteo de 12.000 euros en premios, repartidos en 20 tarxetas de 300 euros e 40 tarxetas de 150 euros, só teñen que rexistrar as compras que realicen no seus negocio na páxina web https://www.mellorcomerciodatuavila.com/. Deberán facelo desde o pasado 14 de novembro ata o 7 de decembro. Pódense rexistrar todas as compras realizadas polo cliente en cada negocio”.
A presidente de Acisa subliñou que “a novidade desta campaña é o premio ao mellor negocio valorado con 500 euros, que será elixido polos propios clientes. Votar é moi sinxelo, ao mesmo tempo que o cliente rexistra unha compra na páxina web, poderá votar na lista de comercios asociados a Acisa Ribadeo que lle aparecerá. Só se permite un voto por persoa”.
E engadiu: “tamén animamos aos negocios asociados a Acisa Ribadeo a impulsala e dala a coñecer, xa que esta campaña pode impactar directamente neles, podendo gañar un premio de 500 euros, que está moi ben”.