O Concello de Foz organiza a tradicional Feira da Espiñeira este domingo, 18 de xuño. Nesta ocasión conta coa colaboración da asociación cultural Virxe do Pilar e de O Noso Foz.
A concelleira de Cultura en funcións, Inés López Couto, explica que “a feira da Espiñeira ten unha longa tradición e nos últimos anos vense celebrando o terceiro domingo de xuño. O Campo da Feira da Espiñeira e os terreos do arredor serán ocupados por cabalos e outros animais que poderán ser visitados a partir das 10 da mañá. Ás 12 horas a agrupación folclórica A Subela realizará un pasarrúas con actuación final no Campo da Feira. A partir das 13 horas será tempo de sesión vermú amenizada por Puzzle Animación. Poderá degustarse pulpo grazas a Pulpería Loureiro. A participación na feira conta con premios como miss vaca e míster toro ou ao animal máis engalanado, ademais dos premios das carreiras de andadura. Serán xulgados por expertos de Apreval”.
Dende a Delegación de Cultura do Concello de Foz agradecen “tanto á asociación cultural Virxe do Pilar, coma a O Noso Foz e tamén á Subela por axudar á seguir organizando eventos senlleiros como é a Feira da Espiñeira, que seguro que seguirá a súa andadura os vindeiros anos” comenta Inés López.
O alcalde de Foz en funcións, Fran Cajoto, anima a “acudir á Espiñeira nunha xornada festiva cargada de tradición. Consideramos moi importante conservar as feiras que se viñeron facendo durante séculos, especialmente para manter o arraigo coas parroquias e que os máis pequechos poidan tamén desfrutar dos animais. Teño que agradecer á asociación Virxe do Pilar a gran implicación que tiveron nesta edición”.