O vindeiro 30 de xullo celébrase a XVII Festa do Percebe de Rinlo, que está coorganizada polo Concello e pola Confraría de Pescadores de Ribadeo.
O alcalde, Fernando Suárez, declarou: “énchenos de orgullo poder volver presentar esta festa, esta XVII Festa do Percebe, dunha parroquia que quere poñer en valor un dos máis prezados produtos que nos dá o mar así como o duro traballo que fan este colectivo de percebeiras e percebeiros de Rinlo e de Ribadeo”.
O rexedor indicou que “desde o Concello coorganizamos coma todos os anos esta festa xunto ca Confraría de Pescadores de Ribadeo e para iso pretendemos ofrecer o mellor das nosas capacidades para que esta festa volva ser un foco de atracción de xentes de aquí e de acolá para gozar dun día de festa na nosa parroquia mariñeira de Rinlo como vai ser o sábado 30 de xullo”.
A Confraría de Pescadores de Ribadeo agarda poñer á venda entre 700 e 800 quilos de percebe ao prezo de 15 euros a ración. A xornada contará con amenización musical. Coté Fernández, presidenta da agrupación de mariscadores, sinalou que “consiste como tódolos anos na venta do percebe, tráese sempre un pouco de música con gaitas e tamén teremos un dj, véndense viño e percebe, empanada e bolos preñados. É algo moi festa tradicional”.
Fernández del Río manifestou: “contamos ter menos percebe que outros anos porque somos menos, somos 11 mariscadores e normalmente somos máis, 16 ou 14, este ano somos 11 entón contamos vender un pouquiño menos. Tamén se nos deixou permiso para coller menos percebe, pero 700 quilos contamos collelos, sobre 700 ou 800, si sae ben a cousa é o que contamos ter”.
E engadiu: “a ración vai estar en 15 euros, foi un pouco o falado entre todos, porque todo subiu moito, os percebes e as racións por aí están bastante caras, e pareceunos que 15 euros era un prezo bastante adecuado. Temos moita gana de traballar na festa, queda moito traballo, unha semana dura, a semana antes dese día, porque hai moito traballo, os percebes costa moito collelos, carretalos, escollelos, pero temos moita gana de festa, nosoutros e a xente, así que queremos que veñan todos moi animados para este día”.
No acto de presentación participaron o alcalde, Fernando Suárez, os concelleiros de Turismo e Medio Ambiente, Pablo Vizoso e Jorge Díaz, o presidente da confraría de pescadores de Ribadeo, Javier Martínez, así como a presidenta da agrupación de mariscadores, Coté Fernández.