A Sala Bahía, de Foz, acolle este sábado, 15 de xaneiro, dúas representacións da obra de teatro infantil Tilintilonia, a cargo da compañía O Baúl da Tía Tola. Os pases serán ás 17:00 e ás 18:30 horas.
É un espectáculo para bebés que pretende o estímulo dos sentidos e que viaxa a través das sensacións e das emocións. Está dirixido preferentemente a nenos e nenas de 6 meses a 5 anos.
O Baúl da Tía Tola explica que “Tilintilonia é un pequeno planeta habitado por dúas mulleres, (Tilín e Tilón, cada unha co seu son). Elas descubrirán un mundo cheo de texturas, cores, sons e fantásticos seres que xorden coa música e onde o vento e a auga convértense en elementos de xogo. Dous seres espertan en Tilintilonia a un mundo máxico no que descubrir novos sons e melodías, novas texturas, onde deixarse levar pola fantasía e os sentidos. Visualmente entramos nun mundo de ensoñación grazas ás teas e ao que estas suxiren, son teas que voan e forman parte do vento, ondulan como a auga, queiman coma o lume e nos acubillan coma a terra”.
O prezo da entrada infantil é de 2 euros e para adultos custa 3 euros.