A asociación CULTURA DO PAÍS, (colectivo con base en Lugo que conta cun grupo activo de socios na comarca do Valadouro) organiza a presentación do libro Os irmáns de América. As pegadas da emigración do Valadouro na Habana, de Prudencio Viveiro Mogo, publicado por Edicións Laiovento o pasado mes de setembro.
O acto terá lugar o vindeiro sábado, 30 de outubro, ás 19:00 horas, no Castelo do Castrodouro de Alfoz. Intervirán, amais do propio autor: Ruth Rodríguez Bermúdez (presidenta de Cultura do País), quen presentará o colectivo no municipio alfocés, pois é a primeira actividade que se desenvolve neste municipio, e a seguir o escritor alfocés Lionel Rexes presentará a Prudencio Viveiro.
Os irmáns de América. As pegadas da emigración do Valadouro na Habana é un estudo sobre a sociedade de emigrantes “El Valle de Oro”, un importante colectivo filantrópico impulsor da creación de escolas nas parroquias de Adelán, Bacoi, Vilacampa, O Cadramón… así como de axudas económicas para a construción da igrexa de Ferreira e outras obras de carácter social. “El Valle de Oro” foi fundada no ano 1907 e continúa activa hoxe en día na capital cubana, dirixida polos últimos descendentes de galegos emigrados. Chegou este colectivo a contar cunha delegación no propio val, a través da cal se xestionaban peticións de axuda, administración de remesas económicas, etc.
Estamos a falar polo tanto, dunha asociación cunha traxectoria de 114 anos; sen dúbida a máis antiga e lonxeva das creadas por nativos deste val.
Prudencio Viveiro é natural da parroquia valadouresa de Moucide, é historiador e actualmente desenvolve a súa actividade profesional no Consello da Cultura Galega, en Compostela. Anteriormente ten publicado Política, eleccións e fidalgos (Ediciós do Castro, 2004) e O Estatuto Galego durante a II República (Ediciós do Castro, 2007).
Durante a presentación poderán adquirirse exemplares deste amplo e minucioso estudo, unha obra de investigación que está a suscitar grande interese en ambos municipios do val, pois, alén de aproximacións e breves referencias, nunca se levara a cabo unha investigación en profundidade sobre a colectividade emigrante do Valadouro na Habana.