O Concello deu a coñecer o programa de actividades que terán lugar a primeira fin de semana de agosto, coincidindo coa homenaxe que se renderá ao bonito e coa celebración do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte.
O 6 de agosto, na Praza da Mariña, o Mago Antón ofrecerá varias actuacións ás 12:00, ás 13:00, ás 17:00, ás 18:00, ás 19:00, ás 20:00, ás 21:00 e ás 22:00 horas. Ese mesmo día ás 23:00 horas, na Praza do Concello ofrecerá un concerto o grupo Luar na Lubre.
Do xoves 5 ao domingo 8 de agosto desenvolverase unha homenaxe á Feira do Bonito, dado que este ano non poderá celebrarse do xeito habitual por mor da pandemia, cunhas xornadas gastronómicas nas que bares e restaurantes da vila ofrecerán tapas, racións e menús degustación do príncipe azul.
Récord de traballos presentados
Durante eses días terá lugar o V Certame Internacional de Pintura Mural Amarte no porto burelés. Os artistas seleccionados, que se coñecerán en datas próximas, plasmarán as súas obras no muro do peirao. Desde o Concello destacan a calidade dos traballos presentados, un total de 58, chegados de diferentes puntos de España e doutros países europeos. A cifra é un récord para Amarte.
O 7 de agosto de 11:00 a 14:00 horas na explanada portuaria terá lugar un obradoiro infantil de graffiti para o que é necesario inscribirse previamente no teléfono 982 58 11 41. Tamén ese sábado ás 23:00 horas, na Praza do Concello, ofrecerá un concerto Tribu Folk.
Ata o sábado 7 de agosto desenvolverase o Concurso de Selfies. As persoas que queiran participar deberán facer unha foto cos murais de Amarte de fondo e subila ao perfil de facebook do certame. A imaxe con máis me gusta recibirá un premio de 100 euros. Terá que haber un mínimo de dez participantes.
E o 8 de agosto ás 12:45 horas, na Praza do Concello, celebrarase a entrega de premios do V Certame Internacional de Pintura Mural Amarte e do Concurso de Selfies. Actuará como mestre de cerimonia o actor galego de Serxio Pazos. E ás 13:15 horas, haberá un concerto de Eladio y los Seres Queridos.