O 12 de xuño darán comezo as XIV Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño-Mondoñedo na Lembranza.
A primeira xornada abordarase a Lembranza da Emigración en América. Continuarán o seguinte sábado, 19 de xuño, co tema Lembranza da Historia de Mondoñedo, e rematarán os días 3 e 4 de xullo coa Romaría na Área Recreativa de A Fervenza de Viloalle.
A xornada do 12 de xuño dará comezo co descubrimento dunha placa conmemorativa en homenaxe á emigración, no Parque da Lembranza. Deseguido, no cemiterio vello, celebrarase unha ofrenda floral a ilustres devanceiros como Manuel Leiras Pulpeiro, Pacual Veiga e Álvaro Cunqueiro. Ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal Pascual Veiga, terá lugar o acto de inauguración oficial das xornadas cunha charla-coloquio, sobre Lembranza da Emigración en América, na que intervirán como relatores: María Xosé Porteiro, xornalista e escritora; Antonio Reigosa, escritor e cronista oficial de Mondoñedo; e Martín Fernández Vizoso, xornalista, escritor e investigador especializado na emigración. Actuará como moderador Antonio Rodríguez Miranda, Secretario Xeral da Emigración.
Na xornada do 19 de xuño na Catedral de Mondoñedo, celebrarase unha ofrenda ao bispo Juan Antonio Muñoz y Salcedo. Ás 17:00 horas, na Casa dos Cóengos, terá lugar unha charla-coloquio, baixo o título Lembranza da Historia de Mondoñedo, na que intervirán como relatores: Pedro Díaz Fernández, Deán da Catedral de Mondoñedo; Roberto Reigosa Méndez, Licenciado en Historia do Arte; e Javier Gómez Darriba, Doutor en Historia do Arte. Moderará Alberto García Fernández, concelleiro de Cultura en Mondoñedo. Ás 18:00 horas, dará comezo un percorrido guiado pola ruta do trazado da antiga muralla medieval.
O 3 de xullo ás 16:30 horas no Auditorio Municipal Pascual Veiga celebrarase unha charla-coloquio, titulada Mondoñedo-A Cidade dos Museos, na que intervirán como relatores: Elena Candia, tenente alcalde do Concello de Mondoñedo; Emmanuel Lázaro Pérez, director técnico de Nexía Renovables; Felipe Debasa Navalpotro, profesor de historia da Universidade Juan Carlos I de Madrid e copropietario da Casa Museo Leiras Pulpeiro; e Ramón Reimunde Noreña, escritor e voceiro do grupo literario Leiras Pulpeiro. Actuará como moderador Ramón Pernas López, escritor, xornalista e exdirector do Ámbito Cultural do Corte Inglés en Madrid.
O 4 de xullo ás 10:00 horas dará comezo o recorrido guiado do roteiro turístico literario Leiras Pulpeiro polos lugares relacionados coa vida e obra do “poeta e médico dos pobres”.
As actividades celebraranse con aforos limitados de acordo ás normas sanitarias vixentes. A inscrición e reserva da entrada pode facerse na Oficina de Turismo de Mondoñedo ou no teléfono 982 507 177.