A Deputación de Lugo está a lanzar iniciativas nas redes sociais para fomentar o entretemento da veciñanza durante o confinamento nos domicilios derivado do estado de alarma decretado para conter a propagación do coronavirus. Unhas accións con carácter divulgativo que ensinan lugares da provincia achegando datos curiosos e apelando á participación mediante adiviñas ou preguntas abertas.
O Servizo de Audiovisuais da Deputación comparte nas súas redes sociais vídeos do programa denominado Descubrindo Lugo co obxectivo de dar a coñecer, a través de vídeos curtos, o patrimonio paisaxístico e cultural da provincia.Neste momento en concreto, “coa crise do coronavirus, o que queremos é abrir unha ventá virtual a todos os que nos seguen nas redes, a modo de paseos e visitas sen saír da casa e, ademais, é un bo xeito de ir tomando nota para cando todo isto pase e poidamos ir en persoa a coñecelos”, subliña a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto.
Ademais, o Servizo de Audiovisuais conta cunha canle en Youtube (https://www.youtube.com/user/FUNDACIONTIC) na que se poden atopar noticias da actividade da Deputación, reportaxes sobre eventos, citas gastronómicas, historias interesantes e actos que se desenvolven ao longo do ano na provincia.
Pola súa banda, a Deputada explica que dende as redes sociais da área que dirixe tamén se fan varias propostas ao día en coordinación, en numerosas ocasións, co Servizos de Audiovisuais. “Facemos preguntas sobre o territorio, propoñemos adiviñas e enlazamos contido aos nosos propios recursos que temos na appInventrip e na na nosa propia web”.
Ademais, nas redes sociais da institución provincial foméntase o confinamento nos fogares co hashtag #QuedaNaCasa. Ten como obxectivo concienciar á poboación da necesidade de facer caso ás recomendacións das autoridades e advertila de que só debe saírá rúa cando sexa imprescindible para evitar a propagación do coronavirus Covid-19.