Un ano máis, e antes de comezar a XXVII Tirada de Bolos Concello de Xove, o Concello, a través da súa Concellería de Deporte, xunto co IES Illa de Sarón de Xove, organizan unhas xornadas destinadas a promocionar o xogo dos bolos entre os alumnos/as da ESO.
Estas Xornadas véñense celebrando dende hai varios anos, contando coa colaboración do IES Illa de Sarón. Polas mesmas van pasar tódolos alumnos/as do IES, e nelas vánselles explicar os fundamentos deste xogo autóctono, e todos terán, así mesmo, a oportunidade de xogar.
As xornadas teñen, polo tanto, unha dobre vertente, con explicacións teóricas a cargo do técnico de Cultura, Mario Eijo, e unha parte práctica a cargo do xogador Modesto Albo, o máis veterano do Concello, de 86 anos, quen se encarga de explicarlles de forma práctica como se tira, como hai que coller a bola, etc.
Pois ben, hoxe comezaron estas Xornadas ás 12:50 horas coa participación dos 32 alumnos/as de 1º de ESO. Mañá e pasado continuará esta actividade con arranxo ao seguinte horario:
Mércores 30 de setembro:
- 12:50 a 13:40 horas: 2º de ESO (22 alumnos/as)
Xoves, 1 de outubro:
-10:50 a 11:40 horas: 3º de ESO (28 alumnos/as)
-13:40 a 14:30 horas: 4º de ESO (10 alumnos/as)
O lugar onde se están desenvolvendo é a NOVA BOLERA DO IES ILLA DE SARÓN, ubicada no Patio do propio Instituto.
“O obxectivo destas Xornadas, ademais da promoción deste deporte en sí, é o de incorporar novos xogadores/as á Liga de Bolos Municipal, dado que hai uns anos tivemos un baixón no número de xogadores ao retirarse moitos e ao non haber relevo; debido a isto, o Concello hai 15 anos decidiu crear unha Liga Sub 16 co fin de ir preparando xogadores/as que puideran cubrir as vacantes producidas polas citadas retiradas de vellos xogadores. Lóxicamente, por idade, o mellor sitio onde se poderían atopar novos xogadores sería o IES, dado que os alumnos/as da ESO teñan unha idade ideal para comezar neste xogo”, explican desde o Concello.
E agradécenlle ao IES Illa de Sarón, “en especial ao profesor de deporte Luis Rico Pernas, así como a Modesto Albo, toda a colaboración prestada na organización destas Xornadas”.