En Ribadeo celébrase o 28 de xuño o XXI Festival de Bandas de Música. Será no parque de San Francisco ás 19:30 horas.

En Ribadeo celébrase o 28 de xuño o XXI Festival de Bandas de Música. Será no parque de San Francisco ás 19:30 horas.
 
O tradicional festival de bandas de música que se celebra en Ribadeo, organizado pola asociación Amadores da Música, chega á XXI edición este domingo, día 28, e celebrarase ás 19:30 horas no parque de San Francisco. Actuarán as formacións Sementeira, de Cambre; Vila de Cedeira e a ribadense.
O director da Banda Municipal de Música de Ribadeo, David Ballester Martínez, explicou que o festival “será ás 7 e media da tarde no parque de San Francisco; antes diso as bandas percorrerán dende o Cine Teatro ata o parque facendo un pasarrúas e en caso de mal tempo trasladaremos o festival ao auditorio Hernán Naval. Este ano temos como invitadas ás bandas de música Sementeira, de Cambre; Vila de Cedeira, e estaremos tamén nós: a Banda Municipal de Música de Ribadeo. O repertorio será bastante variado, porque todas as bandas ofrecerán música para todos os gustos”.
David Ballester tamén anunciou que neste festival “a banda de Ribadeo volve incorporar un músico máis: neste caso unha oboísta, Alicia Folgueira, e quero invitar á xente de Ribadeo e a todos os visitantes que estean por aquí no fin de semana a que se acerquen ao parque de San Francisco e poidan gozar deste festival de bandas”.
Matrícula gratis na escola municipal
Por outra parte, a asociación Amadores da Música, de Ribadeo, recorda que subvenciona o custe total da matrícula na escola municipal ribadense no curso 2015-2016 para os alumnos das distintas especialidades de vento-madeira e vento-metal, porque son as máis demandadas na Banda de Música Municipal de Ribadeo.
Dente a xunta directiva de Amadores da Música anunciaron que “por segundo ano consecutivo, esta asociación vai subvencionar o 100 por 100 da matrícula na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo para aqueles e aquelas alumnos e alumnas das distintas especialidades de vento-madeira e vento-metal por ser estas as máis demandadas pola propia banda. No caso da percusión esta asociación resérvase o dereito de admisión”.
O prazo de matrícula na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo será do 1 ao 15 do vindeiro mes de xullo e para obter máis información sobre como beneficiarse da matrícula gratuíta os interesados poden contactar co director da escola, Hugo García; co director da Banda de Música Municipal de Ribadeo, David Ballester; ou do presidente de Amadores da Música, José Luis Pulpeiro.