O 27 de febreiro arrincará ás 19 horas na Casa da Cultura de Ferreira este 4º Festival de Cine, que organiza o Seminario de Estudos do Valadouro. Esa xornada proxectaranse “Crebinsky”, unha comedia de 2011 que conta no seu reparto, entre outros, con Miguel de Lira, Luis Tosar, Celso Bugallo, Yolanda Muíños ou Patricia de Lorenzo. E tamén se poderá ver “Formol 105”, unha curta de animación de 2015 ambientada nunha asfixiante funeraria do século XIX.
O 5 de marzo o Festival de Cine chegará a Alfoz á Casa da Cultura a partir das sete da tarde. “As San Lucas”, un documental de 2015 de Miguel García e Álvaro Liste que conta en qué consisten as festas das San Lucas de Mondoñedo. Pretende ser unha homenaxe a esa festa, que cumpre 860 anos neste 2016. E destinada ao público infantil proxectarase “O pequeño mago”, unha cinta de 2012 que narra o asalto a un barco por parte duns piratas normandos.
Xa o 12 de marzo a Casa da Cultura de Ferreira acollerá a partir das 19:00 horas o pase de dúas cintas máis. “Eco”, un documental de 2015 con guión e dirección de Xacio Baño. E “A praia dos afogados”, un thriller de intriga de 2015 con Carmelo Gómez, Antonio Garrido, Tamar Novas, Celso Bugallo, Marta Larralde, Luís Zahera ou Carlos Blanco.
O 4º Festival de Cine rematará o 26 de marzo na Casa da Cultura de Alfoz ás 19 horas coa proxección de “A Esmorga”, unha drama de 2014 dirixido por Ignacio Vilar, que conta a crónica tensa e intensa de 24 horas na vida de tres compañeiros de diversión que van deixando un regueiro de destrución, de sexo equívoco e reprimido, e tamén pechando portas tras tirar as chaves, como se de maneira deliberada buscaran a perdición. No elenco de actores figuran: Karra Elejalde, Ledicia Sola, Miguel de Lira, Antonio Durán Morris, Monti Castiñeiras, Mela Casal…