Hoxe dan comezo as festas patronais de Burela. Ata 9 de xuño haberá infinidade de actividades. O pregón de Martín Barreiro, meteorólogo de TVE, será mañá, sábado. O alcalde en funcións, José Mª González Barcia, sinala que son días para gozar entre amigos e coa familia e felicita á comisión organizadora polo traballo realizado.
O rexedor dixo que “hoxe comezan as festas patronais aquí, en Burela, uns festexos que son momentos para gozar coa familia e cos amigos. E tamén para honrar á nosa patroa, a Virxe do Carme, e ao patrón, San Xoán Bautista. Estas festas, que nacen moi vinculadas ao mundo do mar, e hoxe son festas para todos”.
González Barcia cre que “a comisión de festas ten preparado un programa realmente atractivo e moi interesante. Polo tanto hai que felicitar ás persoas que forman parte desta comisión polo traballo feito durante estes dous meses. É moi complicado hoxe en día organizar unhas festas patronais. Todo o mundo quere que se celebren as festas do seu pobo, pero moi pouca xente participa de forma directa para organizalas. Tamén hai que agradecerlles ás persoas e ás entidades, ás empresas, aos negocios, aos comercios, etcétera que colaboran de forma activa para que estas festas sexan realidade”.
O alcalde burelés anima “xa non como alcalde senón como veciño, a que todos os residentes de Burela participen de forma activa e tamén a todas as persoas doutros concellos a acercarse a Burela estes días porque seguro que serán ben recibidos”.
O programa dará comezo esta tarde ás 20 horas coa Festa de Cabo Verde na praza de abastos. Ás 21 horas terá lugar unha misa en honra da Virxe do Carme e baixada da imaxe desde a igrexa da Vila do Medio á parroquial. E xa ás 23:30 horas concerto de rap do grupo North Players, na praza da Mariña. Mañá, sábado, haberá tenis e xadrez. Ás 20 horas o meteorólogo da TVE Martín Barreiros pronunciará o pregón das festas patronais de Burela na Casa da Cultura. No acto tamén se presentará a raíña e as dúas donas de honra e actuará a Xove Orquestra Municipal de Burela. Pola noite verbena con Magos de España.
O domingo, 31 de maio, está dedicado ao traxe rexional e aos nen@s. Os días grandes das festas serán os da primeira fin de semana de xuño.
Palilleiras
Mañá, 30 de maio, tamén se celebra en Burela o IX Encontro de Palilleiras. “Tamén mañá vamos contar cunha nova edición do encontro de palilleiras, no que aproximadamente unhas 850 persoas se van dar cita na nave de redes. E, sen dúbida ningunha, este evento é un dos máis destacados que temos en Burela, porque aparte de estar moi vinculado coa cultura mariñeira, precisamente de aí a coparticipación na organización da Fundación Expomar, ademais dinamiza moitísimo o tecido socioeconómico, xa que son 850 persoas que van estar en Burela mañá durante practicamente todo o día e iso vaise notar seguramente na dinamización, aínda que sexa por un día só, da nosa economía. Polo tanto hai que felicitar tamén á asociación de mulleres encaixeiras e palilleiras de Burela polo traballo que están facendo, que é un labor importante e sacrificado, exactamente igual que o da comisión de festas, e que eu entendo que se debe seguir apoiando desde o Concello”.